AD

Actualidad

Sanmartín envía á Xunta o protocolo para mellorar a integración urbana do CHUS

today5 marzo, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

05/03/2024.- O Concello de Santiago enviou onte á Xunta de Galicia unha proposta de convenio na que se recollen unha serie de compromisos por ambas partes para mellorar non só a «calidade e cantidade dos servizos sanitarios» senón tamén a «mobilidade, as zonas de estacionamento e a adecuación ao territorio». Para isto, o Concello propón ao organismo autonómico a elaboración dun proxecto de interese autonómico (PIA) para a contorna do CHUS que estaría financiado nun 80% pola Xunta e nun 20% polas arcas municipais. A alcaldesa de Santiago deu conta desta proposta nunha rolda de prensa.

A alcaldesa salientou que esta nova proposta remitida á Xunta supón un «avance xeneroso e significativo» por parte do Concello con vistas a «chegarmos a un punto de acordo en beneficio da veciñanza de Santiago». En concreto, o documento propón a realización dun proxecto de interese autonómico (PIA) que permita «cubrir os intereses comúns» das dúas partes no tocante á integración urbana das novas instalacións do complexo hospitalario.

Neste sentido, para Goretti Sanmartín, tanto a ampliación do Hospital Clínico Universitario como a construción do Centro de Protonterapia de Galicia son «unha oportunidade» para lograr «unha integración no conxunto dese territorio e desa contorna». Para isto, é necesario «ordenar o espazo libre da parcela do CHUS e a contorna do hospital, integrando aparcamentos para persoas con necesidade especiais de mobilidade e autobuses así como outras construcións para mellorar os accesos, como a semiglorieta existente na confluencia da rúa da Volta do Castro coa travesa da Choupana», detallou a rexedora.

Goretti Sanmartín insta á Xunta a que promova a aprobación dun proxecto de interese autonómico (PIA) na contorna do CHUS, «consensuando co Concello de Santiago o ámbito do proxecto» no que defina «as características e a localización das actuacións» para que a partir disto o Goberno municipal poida modificar o planeamento urbanístico en consonancia.

A alcaldesa tamén defendeu a necesidade da colaboración interinstitucional no tocante á execución, dirección e supervisión no ámbito do PIA no que o SERGAS asumiría o financiamento do 80% das obras que se desenvolvan fóra da parcela sanitaria e o Concello colaboría co 20% do orzamento.

Ao respecto da construción do aparcadoiro dentro da parcela do SERGAS, a rexedora recoñeceu que hai «un punto de discordancia» entre as dúas institucións xa que o Concello considera que «non é a mellor opción» en termos de edificabilidade aínda que recordou que «a Xunta de Galicia ten os mecanismos necesarios e pode activalos» para levar a cabo este proxecto, sempre tendo en conta «que conleva unha serie de obrigas para a integración na súa contorna que podería resolver o PÍA».

Entre os compromisos comúns ás dúas administracións recollidos no protocolo de colaboración, a alcaldesa destacou a habilitación de prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital de Santiago, que no caso municipal se concreta nas novas 150 prazas da parcela á beira do CIMUS cuxas «obras van empezar nestes días». O Concello tamén se compromete a realizar melloras no transporte urbano para facilitar o acceso.

Compromisos da Xunta

Entre os compromisos da Xunta o protocolo de colaboración recolle a habilitación das prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital de Santiago; a aprobación do proxecto de interese autonómico (PIA), así como a elaboración, aprobación e financiamento dos proxectos técnicos da totalidade das obras incluídas neste, e dos proxectos de urbanización que o desenvolvan. Ademais, a Xunta debe asumir a contratatación da execución, dirección e supervisión financiando con cargo aos seus orzamentos, o 100% das obras incluídas dentro da parcela titularidade do SERGAS e o 80% as obras que, dentro do ámbito do PIA, se desenvolvan fóra da parcela titularidade do SERGAS.

Tamén debe asumir as obrigas, como promotora da actuación, da expropiación dos terreos necesarios para a execución do proxecto de Interese Autonómico, a excepción dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de remate da glorieta prevista na confluencia da rúa da Volta do Castro coa travesa da Choupana e cumprir os deberes inherentes á clase de solo resultante do proxecto, como entidade promotora.

Ademais da elaboración dun plan de interese autonómico (PIA) para a contorna do CHUS, o Concello tamén solicita á Xunta reordenar e racionalizar o uso dos espazos de aparcamento existentes na súa parcela para unha mellor accesibilidade ao hospital, implementar unha oferta de transporte público metropolitano que conecte co CHUS e se integre co sistema de información do transporte colectivo de Santiago, e establecer un plan de transporte ao traballo (PTT) para facilitar os desprazamentos das persoas traballadoras do CHUS.

O documento tamén recolle o compromiso do organismo autonómico de investir 3,5 millóns de euros en actuacións de abastecemento e saneamento no rural de Santiago para o cofinanciamento do 70% de cada un dos proxectos que se acorde.

Compromisos do Concello de Santiago

Pola súa banda, o Concello de Santiago comprométese a modificar o planeamento urbanístico de xeito simultáneo á aprobación do instrumento de ordenación do territorio nas cuestións afectadas polas determinacións do PIA, así como a obter os bens e dereitos necesarios para o remate da glorieta prevista na confluencia da rúa da Volta do Castro e da travesa da Choupana.

Ademais de colaborar co 20% do orzamento das obras que se executen para desenvolver o proxecto de interese autonómico (PIA) situadas fóra do ámbito da parcela do SERGAS, o Concello de Santiago poría a disposición da Xunta de Galicia os terreos de titularidade municipal necesarios para a súa execución así como para completar a actual dotación de prazas de aparcamento na zona.

A proposta tamén recolle a posibilidade de aplicar a bonificación do 95% na liquidación do imposto sobre construcións, obras e instalacións que se xire como consecuencia das actuacións promovidas polo SERGAS.

O Concello comprométese a mellorar o transporte urbano con maiores frecuencias e cobertura e coa incorporación deste na plataforma de mobilidade 4.0 impulsada polo goberno autonómico, a habilitar prazas de aparcamento provisionais na contorna do hospital durante a execución das obras de ampliación do hospital e das obras na parcela resto da matriz da nova reserva EU-7 do polígono 2 do plan parcial do SUP-5, e a mellorar o acceso ao servizo de taxi dende as instalacións hospitalarias.

O Grupo Socialista valora como “un primeiro paso para reconducir as relacións” entre Xunta e Concello o protocolo de colaboración sobre o parking do CHUS elaborado por Raxoi

Un primeiro paso “para reconducir as relacións entre Xunta e Concello”, así valoran desde o Grupo Socialista o protocolo de colaboración para ofrecer unha solución de mobilidade no entorno do Hospital Clínico que vén de elaborar Raxoi. Mercedes Rosón insiste de que é a Xunta quen ten as competencias de planificación da mobilidade no entorno do CHUS e que ofrecer “unha
solución de mobilidade aos seus traballadores” pero defende que o Concello “ten que poñer da súa banda” ao cofinanciar as obras no exterior da parcela do SERGAS.

A edil socialista lembra que no pasado mes de novembro aprobouse unha moción conxunta dos tres grupos de esquerdas da Corporación -PSdeG, BNG e CA- na que precisamente se instaba á Xunta a acometer unha solución integral que resolvese os problemas de aparcadoiro que existen na contorna do Clínico “máis tendo en conta que da servizo a 46 concellos de toda Galicia, algúns de fóra da provincia”.

“É a Xunta quen ten que financiar un aparcadoiro que queren situar nunha parcela da súa exclusiva propiedade” insiste Rosón que defende que se trata dun servizo supramunicipal xa que “dos 450.000 usuarios do CHUS, só o 20% son da nosa cidade”.

“Urxe un acordo”

Mercedes Rosón reclamoulle a alcaldesa “que non se levante da mesa de negociación” e agarda que a Xunta “saiba estar á altura” logo deste primeiro paso. Insiste en que “urxe
un acordo polo ben das veciñas e veciños de Santiago”.

Precisamente nesta liña respalda que desde a administración local se abra a posibilidade de financiar o 20% das actuacións necesarias para acometer a reurbanización do ámbito que non estea dentro da propia parcela do SERGAS e acometer as expropiacións necesarias para mellorar os accesos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%