Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 diciembre, 2025
O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para facer un balance amplo e sen concesións do seu primeiro ano á fronte do Concello tras lograr a maioría absoluta do PSdeG-PSOE. Nunha entrevista longa e reflexiva, Romar debuxou un concello “rural de verdade, que medra”, reivindicou a xestión económica realizada e puxo o foco en proxectos estratéxicos como o futuro centro de día, o investimento no rural e a necesidade dun cambio xeracional e de maior consenso na política.
Romar destacou especialmente o momento demográfico que vive Santa Comba, un feito pouco habitual en concellos do interior galego. “É curioso que despois de anos perdendo poboación, agora esteamos medrando: subimos máis de 140 persoas no padrón e xa nos achegamos aos 9.500 habitantes”, sinalou, amosando a súa confianza en poder recuperar a medio prazo a barreira dos 10.000 veciños e veciñas.
Durante a conversa, o alcalde puxo en valor o Nadal como ferramenta de cohesión social nun municipio con 17 parroquias. “A nosa intención é levar a ilusión do Nadal a cada parroquia, con talleres, actividades e propostas pensadas para todas as idades”, explicou, lembrando iniciativas como os campamentos de conciliación, o primeiro mercadiño de Nadal impulsado polos empresarios locais ou a programación cultural itinerante polo rural.

No eido económico, Romar foi claro ao describir a situación herdada e os avances acadados: “Collemos un concello cun remanente negativo de 2,8 millóns de euros e imos pechar 2024 reducindo esa cifra case á metade”. Unha mellora que, segundo indicou, non responde a recortes, senón a unha xestión máis axustada e realista das competencias municipais.
Precisamente sobre as competencias, o alcalde foi especialmente crítico coa infrafinanciación dos concellos. “Estamos asumindo competencias impropias, como o SAF, o abandono animal ou persoal en centros educativos e sanitarios, sen a financiación necesaria”, advertiu, reclamando un acordo global entre administracións: Xunta e Estado. Para Romar, “non chega con pedir máis cartos: hai que sentarse, consensuar e decidir de onde saen os recursos”.
No plano político, o rexedor amosouse partidario dun cambio de dinámicas e dun maior entendemento entre partidos. “Non creo nos setarismos: nin os de esquerda comemos a ninguén nin os de dereita son todos malos. Case todos queremos o mesmo”, afirmou, ao tempo que reclamou un relevo xeracional no seu propio partido e unha reflexión profunda no socialismo galego.
Entre os proxectos máis salientables do mandato, Romar destacou o centro de día, unha infraestrutura clave para o benestar da poboación maior. “Santa Comba necesitaba un centro de día e xa temos permisos e financiamento; terá entre 40 e 60 prazas e será unha realidade neste mandato”, asegurou. Xunto a isto, salientou o investimento continuado no rural: “O 70% do orzamento destinado a obras vai para as aldeas, para arranxar camiños, locais sociais, traídas de auga e saneamentos”.
O alcalde tamén amosou preocupación polo futuro da obra pública nos concellos, alertando da falta de man de obra cualificada no sector. “En dez anos, o reto non vai ser facer cousas novas, senón manter o que xa temos”, advertiu, mesmo abrindo a porta a fórmulas innovadoras como unha empresa pública ou concertada de obra.
No tramo final da entrevista, Romar deixou unha das reflexións máis persoais ao lembrar o día no que colleu o bastón de mando tras gañar as eleccións. “Sentín unha enorme responsabilidade, pero tamén un orgullo inmenso pola miña familia e pola xente que confiou en min. Iso non cho quita ninguén nunca”, confesou emocionado.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)