Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 marzo, 2026
Santiago de Compostela acollerá este domingo 29 de marzo unha manifestación nacional pola Visibilidade Trans, que dará comezo ás 12:00 horas na Praza 8 de Marzo. A convocatoria pretende reunir a milleiros de persoas baixo o lema da defensa dos dereitos humanos e da diversidade.
As entidades organizadoras sinalan que son “numerosos os motivos” para saír ás rúas. Entre eles, destacan a situación das persoas trans migrantes, que a miúdo chegan de países autoritarios e transfóbicos e atopan en Galiza importantes trabas burocráticas para o recoñecemento do seu nome e identidade de xénero.
Tamén poñen o foco nas infancias trans menores de 12 anos, que reclaman o seu recoñecemento efectivo na Lei Trans de 2023, así como nas persoas non binarias, que seguen a atopar dificultades tanto no acceso ao cambio de nome como a determinados tratamentos médicos.
A mobilización tamén quere amosar solidariedade coas persoas trans en Portugal, onde denuncian un retroceso nos dereitos, con medidas como a prohibición dos bloqueadores hormonais en menores de idade ou a re-patoloxización das identidades trans. Segundo as organizacións convocantes, estes discursos son semellantes aos promovidos pola dereita e a extrema dereita no Estado español.
O acto conta co apoio dun manifesto xa subscrito por máis de 120 organizacións sociais, sindicais, veciñais, políticas e culturais, que serán mencionadas ao remate da lectura do manifesto durante a mobilización.
Coa convocatoria, preténdese aumentar a conciencia social arredor da diversidade e reducir os casos de acoso, violencia e agresións contra o colectivo trans, lembrando episodios recentes como unha agresión ocorrida en León.
As entidades denuncian, ademais, que tanto o Goberno galego como o estatal non están a cumprir coas demandas históricas do colectivo. Entre as principais reivindicacións figuran a protección legal efectiva, o acceso digno á sanidade, á educación e ao emprego, o freo ás políticas transfóbicas e a creación de liñas vermellas contra os discursos de odio.
Tamén reclaman a reforma do protocolo educativo en Galiza para adaptalo á Lei Trans de 2023, formación obrigatoria en identidade de xénero para profesionais da educación e da sanidade, programas de refuxio para persoas trans perseguidas e campañas de sensibilización social.
As organizacións conclúen cunha mensaxe clara: “os dereitos trans son dereitos humanos”, insistindo en que a súa existencia “non é un debate nin unha ideoloxía, senón unha realidade”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)