Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 marzo, 2024
O presidente provincial presentou en Compostela a segunda edición dunha carreira que a Deputación da Coruña “aspira a converter nunha competición de referencia en Galicia e en España” e que “está aberta á participación de todos os públicos”
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destaca o gran traballo que está realizando a Deputación para apoiar este deporte e aspira a xuntar máis de 2.000 participantes nesta segunda edición
A segunda tenente de alcaldesa compostelá, Míriam Louzao, subliñou que a carreira promove valores como o “impulso da práctica do deporte en todos os segmentos de idade, de xeito inclusivo e participativo”
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou hoxe oficialmente en Santiago a segunda edición dos 10.000 Peregrinos, unha proba que a entidade provincial organiza en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e o Concello de Santiago. Acompañaron a Formoso a segunda tenente de alcaldesa compostelá, Míriam Louzao, e o presidente da Federación, Iván Sanmartín, nun acto conducido polo xornalista Terio Carrera.
O presidente provincial destacou na súa intervención o “carácter aberto” da carreira, xa que poden participar dende atletas de elite ata afeccionados ou calquera persoa, sen importar a súa idade nin condición física, posto que conta con distancias de 10, 5 e 2 quilómetros, ademais dunha andaina de 5. Na primeira edición, o ano pasado, tomaron a saída deportistas do nivel de Irene Sánchez-Escribano, Adrián Ben, Tariku Novales, Cristina Ruiz, Ester Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro.
Formoso afirmou tamén que Os 10.000 Peregrinos “aspira a converterse nunha competición de referencia en Galicia e en España” e servirá para “visualizar o esforzo” por parte da Deputación na promoción do deporte, que se incrementa cada ano financiando “a máis de 800 entidades deportivas da provincia en todas as disciplinas” e que implica tamén “ilusión e moito traballo detrás de cada evento para concretar esa aposta”.
“Cando as administracións traballamos nesa liña, o resultado é que cada vez aparecen máis deportistas de alto nivel e que serven de ‘lebres’ para os que teñen ilusión de selo algún día”, concluíu o presidente da Deputación.
Míriam Louzao referiuse especialmente aos valores que promove a proba, como é “o impulso á práctica do deporte en todos os segmentos de idade, de xeito inclusivo e participativo”.
Iván Sanmartín asegurou que a carreira constitúe “unha magnífica oportunidade para que Galicia teña unha proba referente en España” e destacou a relevancia “do traballo que se está facendo dende a Deputación” para o atletismo galego con iniciativas como esta ou o Circuíto de Carreiras Populares, con 35 competicións cada ano noutros tantos concellos e unha participación que supera as 15.000 persoas cada ano.
A inscrición seguirá aberta ata o 3 de abril
Os 10.000 Peregrinos ten aberto o prazo de inscrición ata o 3 de abril. Xa a formalizaron máis de 700 persoas, a través da web www.os10.000peregrinos.gal ou de Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com, e o propio Sanmartín confiaba en que se superarán os 2.000 participantes.
A carreira naceu co dobre obxectivo de acadar relevancia no atletismo provincial e autonómico e, á vez, fomentar o deporte e os hábitos de vida saudables a través da participación da mocidade e das persoas maiores da provincia. Por iso, ofrece diferentes modalidades nas que teñen cabida moi distintos rangos de idade.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)