Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 noviembre, 2025
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025.- O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro, a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, inaugurarán mañá, xoves 20 de novembro, no Hotel Oca Puerta del Camino, na capital galega, unha nova edición do Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero.
Organizado pola APG, en colaboración coa Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia e coa USC, o título do foro nesta ocasión é: “Os medios de comunicación e a loita contra a cíberviolencia machista”, xa que será unha xornada de reflexión sobre ese grave problema, que tamén afecta ás mozas da nosa comunidade autónoma, e sobre o papel que xogan e deben xogar os profesionais da comunicación e os medios.
O encontro, que abrirá María Esther Erice Martínez, presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género do Consello Xeral do Poder Xudicial, contará como relatores con reputados expertos nesta materia, xuristas, xornalistas e comunicadores. Entre eles, Elena Steinger Doallo, fiscal delegada de Violencia sobre a Muller en Galicia; Belén Rubido de la Torre, maxistrada titular da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, especializada en violencia de xénero; ou María José Garrido Antón, comandante, xefa de área na Secretaría de Estado de Seguridad (SES) do Ministerio do Interior.
No Congreso tamén participarán e intervirán Gemma Herrero Castro, xornalista do diario AS, vítima de cíberviolencia machista; Encarni Iglesias Pereira, presidenta da Asociación Stop Violencia de Género Digital, dedicada a dar unha resposta integral ás vítimas de delitos informáticos, como o acoso nas redes sociais; e Clara Inés Guilló Girard, doutora en Socioloxía, profesora da Universidad Complutense de Madrid (InstiFEM) e directora do estudo “Autopercepción de la imagen de las mujeres en los nuevos entornos digitales” (Instituto de las Mujeres). Canda elas, ademais, os xornalistas Rocío Cortés Galdo, xefa da sección de Sociedade de “El Progreso”; Mónica Martínez Lema, adxunta ao editor de “Mundiario”; Ana Martínez Pedrosa, delegada en Galicia da axencia “EFE”; e Alejandro López Carballeira, director de Información e Documentación da “Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia” (CSAG) e profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Tódolos paneis e mesas do Congreso serán presentados e moderados por destacados profesionais da comunicación da nosa comunidade autónoma e disporán cadanseu dun coloquio, aberto ás preguntas do público asistente.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)