AD

Actualidad

Santiago adoptou medidas extraordinarias para garantir os servizos da Policía Local durante Samaín

today6 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago adoptou medidas excepcionais para asegurar o funcionamento da Policía Local durante as noites do Samaín, logo de que o xefe do corpo trasladase, con data do 30 de outubro, a imposibilidade de garantir os servizos mínimos debido á negativa do persoal a realizar horas extras.

Segundo informou o departamento de Mobilidade e Convivencia, non estaba garantida a cobertura de postos considerados sensibles para a seguridade cidadá, como a vixilancia da sala de pantallas, o servizo de atestados ou o mando dos efectivos.

Ante esta situación, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia deu instrucións para cubrir esas funcións, que afectaban a un inspector, un oficial, catro policías de coordinación, un policía de atestados e catro oficiais. Nos catro últimos casos, os requirimentos non foron atendidos.

As ordes referíanse ás quendas de noite dos días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro, datas nas que se prevía unha maior actividade pola celebración do Samaín. Ademais, dúas das instrucións supuxeron a suspensión de permisos por asuntos propios xa concedidos a dous axentes para garantir a cobertura das quendas nocturnas do 5 de novembro.

O Concello aclarou que non se cancelaron vacacións nin permisos xa aprobados, aínda que o departamento de Convivencia informou de que non se concederán novos días de asuntos propios nin vacacións ata que se poida garantir a cobertura mínima necesaria para o correcto funcionamento do corpo.

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia explicou que estas medidas adoptáronse “coa finalidade de evitar unha mingua na capacidade operativa da Policía Local e garantir a seguridade cidadá nunha situación extraordinaria e non prevista”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *