AD

Actualidad

VUT en Santiago, sí, pero só dous meses ao ano: así é a nova ordenanza

today4 junio, 2024

Fondo
share close
AD

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, acaban de facer público o contido da ordenanza complementaria sobre usos turísticos que o goberno municipal levará a Pleno nas vindeiras semanas para a súa aprobación.

A rexedora explicou que esta ordenanza inclúe dous usos: o alugueiro turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano, sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física – entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano-, e tamén o alugueiro turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. No caso do aluguer turístico por cuartos, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo de Galicia -actualmente está prohibido no Decreto 12/2017-.

A ordenanza detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatibles cos estatutos da comunidade de veciños.

Goretti Sanmartín explicou que este texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos establecidos no planeamento vixente. Neste sentido aclarou que os informes xurídicos conclúen que nesta altura non é posible legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma naquel momento.

Impulso ao parque residencial

Goretti Sanmartín lembrou que «dispoñer dun parque de vivenda digna e adecuada é unha prioridade para este goberno» e que con este obxectivo se está traballando en diferentes frontes, como a creación dunha empresa pública para promover vivenda pública en alugueiro, a activación do rexistro de soares e a mobilización de vivenda baleira.

Sobre esta cuestión, tamén mencionou os datos relativos ao incremento do prezo medio do aluguer en Santiago de Compostela que, segundo o Observatorio da Vivenda de Galiza e no período 2018 – 2023, aumentou un 33,1%, pasando de 424,2€ a 564,5€, duplicando o incremento do IPC en Galiza nese mesmo período. Goretti Sanmartín asegurou que «as vivendas de uso turístico non son a única causa da escaseza de vivendas dispoñibles para uso residencial nin da suba de prezos, mais tamén é certo que intensifican o problema».

Unha idea na que incidiu Iago Lestegás afirmando que «o mercado turístico contrae o mercado residencial», quen tamén puxo o foco na importancia das «medidas que estamos adoptando para favorecer un uso máis eficiente do parque residencial que xa existe».

Sobre o alugueiro turístico das vivendas, o concelleiro de Urbanismo lembrou que «este uso non ten a consideración urbanística de uso residencial e que se trata dunha actividade económica e, polo tanto, como uso terciario está sometido ao réxime de comunicación previa á administración municipal».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%