AD

Actualidad

Santiago autoriza a poxa pública de catro inmobles declarados en ruínas

today10 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

 

Iago Lestegás anunciou que, tras a luz verde á venda forzosa dos catro inmobles e ao prego de condicións de participación na poxa pública, por parte do executivo local, o seguinte paso será a publicación da licitación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no perfil do contratante do Concello de Santiago.

O edil salientou que se trata da “primeira vez” que se vai levar a cabo o procedemento de poxa pública dos inmobles incluídos no Rexistro de Soares. “Isto significa que tivemos que configurar dende cero todo o procedemento de venda forzosa, porque nunca antes se fixera aquí. Poñer en marcha procedementos que nunca antes se fixeron aquí ten unha dificultade engadida», detallou.

Nesta liña, recordou que para o Goberno municipal, a rehabilitación, recuperación e reutilización do patrimonio abandonado é unha «prioridade» dende o comezo do mandato e que, «aínda que o procedemento sexa longo e difícil, o Rexistro de Soares é unha ferramenta útil para mobilizar o patrimonio inmobiliario desaproveitado e para ampliar a oferta de vivenda no centro da cidade aproveitando mellor o que xa temos».

O concelleiro recordou que en febreiro do ano pasado declarouse incumprido o deber de conservación e rehabilitación dos catro edificios abandonados da cidade histórica e que teñen declaración de ruína dende 2010 e en abril foron incluídos no Rexistro de soares. Tres dos catro inmobles (San Roque 23, Praciña das Penas 5 e Loureiros 14) pertencentes á mesma comunidade de herdeiros, presentaron un recurso de reposición contra a inclusión no Rexistro de Soares que foi destestimado.

Posteriormente, en decembro de 2024, incoouse o procedemento para a tramitación da venda forzosa mediante poxa pública destas catro propuedades, anuncio que foi publicado no BOE do pasado 27 de xaneiro. A antedita comunidade de herdeiros, titular de tres dos catro inmobles, solicitou a suspensión deste procedemento, petición que foi desestimada pola Xunta de Goberno local.

Procedemento de poxa pública

A venda forzosa deste catro inmobles en estado de ruína realizarase mediante poxa pública, a través dun procedemento aberto e tramitación ordinaria por lotes, un por cada predio: o lote 1, correspondente ao inmoble da Praciña das Penas 5, cunha valoración de 145.237,61 euros; o lote 2, na Rúa dos Loureiros 14, por 101.746,31 euros; o lote 3, correspondente á propiedade sita na rúa de San Roque 23, cunha valoración de  103.699,83 euros e o lote 4, na rúa do Espírito Santo 33, por un importe inicial de 69.639,18 euros.

Condicións de participación

O concelleiro de Urbanismo detallou que, unha vez publicada a licitación, poderán participar nela «todas as persoas que teñan capacidade de contratar que non estean comprendidas nalgunha das causas de incompatibilidade previstas na Lei de Contratos do Sector Público e que cumpran os requisitos fixados no prego».

As ofertas presentaranse exclusivamente por medios electrónicos na Plataforma de contratación do Sector Público durante un prazo de vinte días naturais desde o día seguinte á data de publicación do anuncio nesta plataforma. Unha vez rematado o prazo, o Concello encargarase de seleccionar e adxudicar a oferta económica máis vantaxosa.

A persoa licitadora poderá concorrer a varios lotes, presentando unha oferta en cada un deles indicando a orde preferencia, xa que só poderá adxudicarse un lote por adxudicatario. «Non nos interesa que unha única persoa ou entidade se faga con todos os edificios do Rexistro de Soares a través deste procedemento pero tampouco se desexa que quede deserto ningún lote», explicou Lestegás.

Prazos de execución

En relación aos prazos, a persoa adxudicataria terá que aboar o importe total de adxudicación e os gastos de tramitación no prazo máximo de un mes dende a notificación da adxudicación polo Concello e solicitar a licenza de rehabilitación no prazo máximo de tres meses dende a formalización. As obras de rehabilitación deberán iniciarse no prazo de un ano dende a toma de posesión do predio, e terán que ser rematada e obter a licenza de primeira ocupación no prazo máximo de dous anos dende a formalización.

Se a poxa fose declarada deserta, o Concello, no prazo de seis meses, poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo ou convocará de novo, no mesmo prazo, con rebaixa do prezo tipo nun 25%. Se a segunda poxa tamén quedase deserta, o Concello, no prazo doutros seis meses, poderá adquirilo polo prezo de licitación da segunda poxa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *