Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 abril, 2024
O Teatro Principal acollerá este, xoves 11 de abril, o acto de entrega de títulos, honras e condecoracións a sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais contribuíron á historia e ao progreso de Compostela en distintos ámbitos. O Concello outorgará as Medallas de Ouro da cidade a Tareixa Navaza e a Luís Pasín, e nomeará Fillos predilectos de Santiago a Ramón Baltar, a Aurora Pereira (Aurichu), ambos a título póstumo, e a Ezequiel Méndez. José Porto e Manuel Quintáns a título póstumo, recibirán o distinción de Fillos adoptivos da cidade nun acto ques estará conducido pola artista Sole Felloza e no que participarán a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e os membros Corporación municipal.
Ás 19:30 horas arrancará no Teatro Principal a cerimonia de entrega de distincións para recoñecer as traxectorais vitais e profesionais de sete persoeiros vinculados a Compostela. No acto estarán presentes Luís Pasín, Tareixa Navaza e José Porto así como os/as representantes das persoas homenaxeadas a título póstumo e de Ezequiel Méndez, que non poderá asistir ao evento. Todis eles asinarán no Libro de Honra do Concello antes de comezar o acto.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e varios membros da Corporación municipal, serán os encargados de facer entrega das máis elevadas condecoracións outorgadas polo Concello de Santiago: as medallas de Ouro da cidade e os títulos de fillo/as predilectos/as ou adoptivos/as. Recaerán en sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais destacaron pola súa defensa e pola súa contribución á vida e Compostela en distintos ámbitos. Durante o acto, que será conducido pola actriz e escritora Sole Felloza, farase un repaso polas biografías de cada unha das persoas recoñecidas e a súa contribución á historia da cidade e faráselles entrega dun pergamino e unha insignia a modo de distinción.
Medallas de Ouro
Recoñecerase coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza González por «manter coa súa voz en alto o compromiso co país e coa loita pola igualdade» a través dunha narrativa «que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país» e que está «comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas».
Tamén recibirá esta distinción o activista político Luís Pasín Liñares polo seu labor «en prol da democracia, a participación veciñal e a memoria histórica de Compostela» como «voz veciñal e militante entusiasta da democracia» que o converteu en «memoria activa» do seu barrio de Conxo.
Fillos/as predilectos/as
O médico e director hospitalario Ramón Baltar Domínguez será nomeado Fillo predilecto da cidade a título póstumo por ser un «exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura» así como polo seu labor como «protector de artistas» e pola súa participación en «proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro».
A pintora Aurora Pereira Carballo «Aurichu» recibirá o título de Filla predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade, recoñecendo a súa «creatividade artística, á súa significación comercial e veciñal e ao seu activismo cultural e político».
Esta honra tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, polo seu «labor en prol da creación e a divulgación das artes escénicas e visuais e o seu activismo cultural» ao longo da súa prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor de varios cineclubes na cidade, productor audiovisual e editor.
Fillos adoptivos
Serán nomeados Fillos adoptivos da cidade o sacerdote José Porto Buceta, polo seu «labor de dinamización da parroquia e do barrio de Sar, apegado ás necesidades da veciñanza» durante os seus máis de 50 anos como párroco do barrio.
O profesor Manuel Quintáns Suárez tamén se converterá en Fillo adoptivo a título póstumo, pola súa «inxente e laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular».
Written by: Líder Redacción
compostela concello distincions radio lider santiago raxoi santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)