AD

Actualidad

“Santiago está morrendo”: o clamor do sector turístico contra o abandono da cidade

today3 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Un mes despois da entrada en vigor da taxa turística en Santiago de Compostela, o presidente da Asociación de Turismo e Hostalería, Ramón García, lanza unha crítica frontal contra o Concello por impoñer un imposto “precipitado e sen diálogo” que, segundo advirte, está a afogar aos pequenos negocios, mentres a cidade esmorece entre a falta de servizos como taxis, buses estropeados a diario, suciedade e desconexión aérea
  • “Tivemos unha caída espectacular na ocupación hoteleira en Santiago na última semana de outubro. Foi un aviso serio que haberá que analizar”, lamenta.

Redacción, 3 de novembro de 2025.- Un mes despois da entrada en vigor da polémica taxa turística na capital galega, o presidente da Asociación de Turismo e Hostalería de Santiago de Compostela, Ramón García, ofreceu unha análise sen eufemismos: “Foi imposta ás présas, sen diálogo real co sector e coa única finalidade de recadar cartos para un Concello afogado economicamente”.

García, voz referencial do sector na cidade, participou nunha entrevista en Radio Líder Santiago que se converteu nun retrato da situación crítica que vive o turismo en Compostela, un destino que “parece vivir un lento proceso de decadencia”, segundo as súas propias palabras. “A cidade está morrendo”, sentenciou.

A medida, anunciada apenas quince días antes de entrar en vigor, obriga a pagar entre 1 e 2,5 euros por pernocta a todo visitante que se aloxe en establecementos turísticos da cidade. Santiago converteuse así na primeira cidade galega en aplicar esta figura recadatoria, que xa xera efectos visibles, como queixas dos turistas, confusión nos hoteis e discrepancias no sector.

“Non houbo prazo de adaptación. Pediamos que comezase en xaneiro, como é lóxico, para poder planificarnos. Non se nos escoitou.”

A Xunta de Galicia e o Concello argumentaron que se trataba dunha ferramenta “para reinvestir no turismo”. Pero para García, a verdadeira razón está no déficit do propio Concello: “Hai un desfase presupostario tan grande que hai que buscar diñeiro como sexa. Iso é o que hai detrás desta taxa”.

A taxa afecta a todos os turistas que pasan a noite en Compostela, sen importar o motivo da súa viaxe. Só quedan exentos algúns colectivos como deportistas ou pacientes sanitarios, que deben presentar documentación específica. Unha tramitación que engade carga burocrática e incerteza aos establecementos, especialmente aos pequenos negocios.

“As grandes cadeas están afeitas, teñen departamentos xurídicos e contables. Pero o autónomo que ten que ir á xestoría a ver que facer… ese é o que sofre de verdade.”

Desde o punto de vista técnico, García subliña que non se trata dunha taxa como tal, senón dun imposto: “Non se pode compensar, como o IVE. Se recaudas dous euros, ingresas dous euros. Punto”. Un imposto que, ademais, require declaracións semestrais sen opción de domiciliación, o que engade complicacións aos xa saturados autónomos do sector.

Falta de diálogo e “teatralización” política

Un dos puntos máis críticos da entrevista foi o relato do proceso previo á aprobación da taxa. García denuncia que non houbo diálogo real co sector hostaleiro, senón “escenarios preparados para lexitimar a decisión tomada”.

“O Concello buscou apoios radicais e escenarios cómodos. Dicían que nos escoitaban, pero eramos oito do sector nunha sala con cen persoas. Iso non é diálogo.”

Incluso lembrou reunións onde veciños sen coñecementos técnicos pretendían participar nas “mesas técnicas” sobre fiscalidade ou aplicación do imposto: “A ver se tamén van ás comisións de hidrocarburos. Isto é un país absurdo ás veces”, ironizou.

O sector, a través de Unión Hotelera, presentou un recurso contencioso-administrativo contra a medida, que agora está en mans da xustiza.

Queixas recorrentes: taxis, suciedade e falta de servizos

A taxa, aínda en fase de implementación, xa está a provocar queixas por parte dos visitantes. A máis repetida: a falta de taxis.

“Perder un avión ou un tren por non atopar taxi pode arruinar unha viaxe. A xente está cabreada, e con razón.”

Pero non é o único problema. García citou tamén a suciedade das rúas, o estado dos autobuses, as averías de auga, a falta de obras no casco histórico e a perda de comercio local como síntomas dunha cidade que, segundo el, “non recibe investimentos nin atención”.

“Vas polas rúas e ves autobuses medio queimados, locais baleiros e moita xente maior sen servizos. A cidade leva anos en decadencia.”

Outro tema que preocupa profundamente ao sector é a situación do aeroporto de Santiago, que está a perder conexións clave. A ocupación hoteleira sufriu unha caída “espectacular” na última semana de outubro.

“Foi unha baixada atípica. Outubro é case temporada alta aquí. Algo está pasando.”

García considera que esta baixada pode estar directamente relacionada co empeoramento das conexións aéreas: “Sen aeroporto non hai turismo. É así de claro.”

Na parte final da entrevista, o presidente da Asociación de Turismo e Hostalería ofreceu unha visión máis ampla da cidade: “Santiago é unha cidade única, pero leva anos sen política seria de desenvolvemento”. Comparouna con Vigo ou A Coruña, que “aínda que son distintas, souberon poñer en valor os seus activos”.

“O pouco que temos, que é o turismo, criticámolo nós mesmos. É kafkiano.”

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *