Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 febrero, 2024
26/02/2024 O parque das Ciencias acolleu esta mañá un acto de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, nomeado «Científico Galego do Ano» no 2023 pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Ao evento, organizado polo Concello de Santiago en colaboración coa Academia, asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da RAGC, Juan Manuel Lema Rodicio, e membros da Corporación municipal.
O Concello de Santiago celebrou esta mañá un acto para a colocación dunha placa de recordo e homenaxe a Manuel Colmeiro nun dos bancos do parque das Ciencias, sito na rúa de Ramón de Valle-Inclán. Esta placa súmase a outras quince que homenaxean outros científicos galegos.
Durante a homenaxe, a alcaldesa valorou este acto como a maneira de «cubrir unha débeda» con Manuel Colmeiro ao que Santiago lle debe «un recoñecemento moito maior», xa que ademais de «cidade literaria» tamén «é unha cidade científica» onde «son moitas as persoas que contribúen ao avance científico mundial co seu pensamento e co seu labor investigador». Goretti Sanmartín recordou a brillante traxectoria de Colmeiro e reiterou a necesidade de facelo presente no espazo público «para que a veciñanza de Santiago coñeza o seu nome e difunda as súas teorías».
O presidente da RAGC, Juan Manuel Lema Rodicio, recordou que Manuel Colmeiro «fixo moito por Santiago», xa que ademais de ser o primeiro catedrático de Economía Política da Universidade, foi «defensor dos dereitos da cidadanía» e da «modernización da Administración do Estado».
A Academia decidiu nomear a Manuel Colmeiro y Penido como «Científico Galego do Ano» no 2023 por ser «un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores». A RAGC tamén valorou o seu papel como «forza de cambio económico e social en Galicia e España, con múltiples contribucións ao conxunto da sociedade».
Manuel Colmeiro y Penido
Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.
Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, o Dereito Administrativo e o Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. En Compostela foi socio de mérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País, onde formou parte de comisións que traballaron na reforma de pesos e medidas e o sistema monetario español, na renda do sal e nos estudos preliminares para establecer unha fábrica de sedas e algodóns na cidade. En Compostela tamén foi membro da Xunta Municipal de Beneficencia, na que deixou a súa pegada na comisión encargada de promover a construción de estradas na provincia. Ademais foi o primeiro economista en concibir o conxunto de medidas que se deberían adoptar para desbloquear o crecemento económico de Galicia.
Escrito por Líder Redacción
compostela economista Manuel Colmeiro y Penido placa radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)