AD

Destacado

«Santiago non ten recursos para asumir o desamparo de refuxiados, urxe unha solución estatal»

today20 noviembre, 2024

Background
share close
AD

 

A tenenta de alcaldesa de Santiago de Compostela participaba este martes nunha entrevista en Radio Líder Santiago onde abordaba diversos temas da actualidade local como o envellecemento activo, a crise migratoria, os discursos de odio e o éxito do Talentia Summit 2024.

O desafío do envellecemento activo e a loita contra a soidade non desexada

María Rozas puxo o foco na importancia de implementar políticas que melloren a calidade de vida dos maiores en Santiago, especialmente aquelas dirixidas a combater a soidade non desexada. “En Santiago hai 24.000 persoas maiores de 65 anos, das cales máis de 4.000 viven soas. Non podemos permitirmos ignorar este colectivo”, afirmou.
Nunha xornada recente organizada polo Consello Municipal de Persoas Maiores, analizaron iniciativas exitosas como o Proxecto Radars de Barcelona, que conecta voluntarios e farmacias para apoiar aos maiores. Rozas destacou a necesidade de reforzar actividades que axuden a “darlles un propósito e integralos activamente na sociedade”.

Discursos de odio e vandalismo: un problema máis profundo

A aparición de pintadas homófobas en Santiago levou a Rozas a alertar sobre un preocupante retroceso social. “Isto é moito máis que vandalismo. Estes actos reflicten un pensamento de odio que está a calar na sociedade, alentado por discursos da ultradereita”, declarou. A tenente de alcaldesa fixo un chamamento á sensibilización para reforzar o respecto á diversidade. “Santiago é unha cidade diversa e aberta, e debemos protexer esa identidade.”

María Rozas

Crise migratoria: refuxiados desamparados tras denegacións de asilo

Rozas cualificou de “grave e inaceptable” a situación dos refuxiados nos centros de Monte do Gozo e o antigo Colexio Juniors. Estímase que ao redor do 40% das solicitudes de asilo serán rexeitadas, deixando ás persoas afectadas sen ningún recurso social ou laboral. “Estas persoas irán literalmente á rúa, sen apoio. Isto pon en cuestión os mecanismos estatais de protección aos migrantes”, explicou.

A pesar das limitacións dos recursos municipais, o Concello colaborou con entidades como Cáritas para evitar situacións extremas, pero Rozas subliñou que “a capacidade local é limitada e esta crise require solucións a nivel estatal”.

Seguridade en Santiago tras un suceso tráxico no mercado de abastos

O asasinato recente no mercado de abastos xerou impacto na cidadanía. Rozas lamentou o suceso, pero reafirmou que “Santiago segue sendo unha cidade segura, amable e ideal para vivir”.

O mercado conta cun sistema de seguridade privado, pero Rozas insistiu en que é importante evitar reaccións alarmistas. “Un suceso puntual non define a realidade dunha cidade que é exemplo de convivencia e seguridade.”

Talentia Summit 2024: éxito rotundo en emprego e formación

Rozas celebrou o éxito do Talentia Summit, un evento que superou as expectativas. Máis de 3.300 prazas formativas foron cubertas en poucas horas, realizáronse máis de 1.000 entrevistas laborais e ofertáronse 400 postos de traballo. “O Talentia foi este ano un éxito rotundo e superou todas as nosas expectativas, tanto no que ten que ver coa formación como no relacionado coas entrevistas coas empresas que ofertaban algún posto de traballo. Fixéronse máis de mil entrevistas coas 82 empresas”, destacou.

Nos próximos meses, o Concello fará un seguimento para medir o impacto en contratacións efectivas. “Este tipo de eventos demostran o compromiso de Santiago co futuro da mocidade e o desenvolvemento económico da cidade.”

O reto dos orzamentos 2025

Rozas destacou os desafíos económicos que o Concello afronta debido ao aumento dos custos e os ingresos estancados. A pesar diso, mostrouse optimista: “Espero que podamos aprobar os orzamentos pronto, porque son fundamentais para implementar as políticas pensadas para 2025”.

A tenenta de alcaldesa explicou que Compostela Aberta aposta por un acordo co Partido Socialista e o BNG. “Un pacto progresista é a vía máis sincera e coherente para avanzar como cidade”, afirmou.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%