AD

Arte y Cultura

Santiago oferta 210 prazas no programa Matinais de Nadal nos centros socioculturais

today9 noviembre, 2023

Fondo
share close
AD

O próximo luns, 13 de novembro, abre o prazo de inscrición para os Matinais de Nadal nos centros socioculturais. O concelleiro, Xan Duro, presentou hoxe o programa, no que se ofertan 210 prazas en diferentes espazos municipais, tanto da zona urbana como do rural. Son 25 prazas máis que o ano pasado, grazas á incorporación do centro sociocultural de Bando.

O programa Matinais de Nadal desenvolverase os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro, e do 3 ao 5 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar horario ampliado de 8.00 a 15.00 horas. O programa é de balde, e para inscribirse tan só é necesario estar empadronado no concello de Santiago e cumprir os criterios de idade establecidos para cada un dos centros socioculturais. Así, para nenos e nenas de 4 a 8 anos estarán dispoñibles os CSCs de Vite e Santa Marta, con 20 e 25 prazas respectivamente; no centro das Fontiñas poderanse inscribir nenos e nenas de 5 a 10 anos e haberá 20 prazas dispoñibles; e nos CSCS de Conxo, Pontepedriña e Castiñeiriño as actividades serán para crianzas de 5 a 12 anos, con 20, 15 e 10 prazas respectivamente. En canto á zona rural, poderanse inscribir nenos e nenas nacidos entre 2010 e 2017 nos centros de Marrozos, Figueiras, A Gracia e Bando, con 25 prazas dispoñibles en cada caso. O centro sociocultural de Bando incorpórase este ano como novidade ao programa.

O programa Matinais de Nadal artículase ao redor de tres propostas lúdicas e educativas diferentes: «Un Nadal de Xogos», na que os nenos e nenas descubrirán xogos tradicionais e populares de diferentes países (CSCs de Vite, Conxo, Marrozos, Bando e Figueiras); «Cada día un Nadal», no que a cativada descubrirá como se celebra o Nadal en distintos lugares e culturas a través da gastronomía (CSCs de Fontiñas, Pontepedriña, Castiñeiriño e A Gracia), e «Pequenos artistas de Nadal», que se centrará nas artes plásticas e escénicas para dar a coñecer personaxes vinculadas ao Nadal en todo o mundo.

O prazo de inscrición nos Matinais de Nadal estará aberto do 13 ao 27 de novembro, e o trámite pode realizarse na sede electrónica do Concello ou entregando presencialmente a ficha de preinscrición. Se a demanda supera a oferta, realizarase un sorteo público o 4 de decembro ás 12.00 horas no CSC de Santa Marta. As listas de persoas admitidas e o prazo para a entrega de documentación estará aberto do 11 ao 19 de decembro e, no caso de quedar prazas vacantes, poderase abrir unha nova quenda de inscrición.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%