AD

Actualidad

Santiago opta a ser Cidade Europea da Ciencia en 2028

today13 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

A Xunta de Galicia presentou oficialmente a candidatura para que Santiago de Compostela sexa designada Cidade Europea da Ciencia en 2028, no marco da convocatoria europea Science Comes to Town, promovida pola Comisión Europea.

A iniciativa, coordinada pola Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades, culmina meses de traballo co obxectivo de situar Galicia como referente en investigación e innovación. O proxecto, liderado polo Goberno galego, conta coa colaboración do Concello de Santiago, das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.

O conselleiro Román Rodríguez destacou que se trata dun “procedemento esixente”, xa que a convocatoria é moi competitiva, pero subliñou que lograr esta distinción permitiría reforzar a I+D+i en Galicia, dar maior visibilidade ao traballo científico que se desenvolve na comunidade e favorecer a captación de novos investimentos.

A candidatura contempla a implicación dos distintos campus universitarios galegos, polo que as actividades poderían estenderse tamén ás cidades de Vigo e A Coruña.

O proxecto presentado, denominado Ways, toma como referencia o Camiño de Santiago para conectar a cidadanía coa ciencia, inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade da Ruta Xacobea. A proposta formúlase como un percorrido europeo que uniría Galicia coas rexións de Pomorskie, en Polonia, e Emilia-Romagna, en Italia, a través das cidades de Santiago de Compostela, Gdynia, Rávena e Módena.

A convocatoria Science Comes to Town, que celebra a súa terceira edición, financia iniciativas destinadas a achegar a ciencia á sociedade mediante actividades públicas como festivais, obradoiros ou programas educativos, co obxectivo de promover a cultura científica e fomentar o interese pola investigación.

Dentro da programación prevista, Galicia podería acoller tamén dous concursos europeos dirixidos á mocidade investigadora: EUCYS e TalentON, orientados a recoñecer o talento emerxente e fomentar vocacións científicas.

Ata o momento, ningunha cidade española obtivo esta distinción, polo que, de prosperar a candidatura, Santiago de Compostela converteríase na primeira Cidade Europea da Ciencia en España.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *