Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 noviembre, 2024
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, anunciou o levantamento parcial da suspensión dos actos suxeitos a licenza ou comunicación previa aprobada o 17 de xuño. Trátase dun levantamento parcial en dous sentidos, como explicou o concelleiro: só afecta determinado ámbito e só afecta o cambio de uso terciario a uso residencial en planta baixa. Hai aproximadamente 50 locais sen actividade nas zonas en que se produce este levantamento parcial.
Na súa intervención en rolda de prensa este xoves, Lestegás lembrou que o pasado 17 de xuño, o goberno acordou unha suspensión previa de actos suxeitos a licenza ou comunicación previa no ámbito do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) que afectaba, entre outros, os actos “que supoñan a implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde se viñan desenvolvendo outros usos”.
Esta suspensión previa adoptouse co obxectivo de estudar a reforma da normativa do PE-1 para protexer o tecido comercial da cidade. Os traballos de análise e diagnose, que non están aínda rematados, están xa nunha fase que permite levantar parcialmente a suspensión cautelar, “no relativo exclusivamente á implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde se viñan desenvolvendo outros usos, en certas zonas da cidade histórica”.
“Consideramos que é necesario preservar o uso comercial das plantas baixas nos espazos da cidade histórica onde ese uso é predominante, pero non vemos inconveniente en autorizar a implantación de novos usos residenciais en planta baixa en locais onde antes se desenvolvían outros usos naqueles espazos da cidade histórica onde xa predomina o uso residencial das plantas baixas”, declarou Iago Lestegás, na súa intervención.
Neste sentido, explicou que, da información recollida nestes meses, pódese extraer unha idea clara de cales son os espazos da cidade histórica onde a implantación de novas vivendas en planta baixa non suporía unha ameaza para o tecido comercial, unha cuestión que “é clave para a calidade de vida na cidade”.
Así as cousas, o departamento que dirixe Iago Lestegás levará á xunta de goberno local do próximo luns unha proposta para levantar parcialmente os efectos da suspensión previa de actos suxeitos a licenza e comunicación previa adoptada o 17 de xuño, excluíndo dos efectos desa suspensión aqueles actos que supoñan a implantación de novos usos residenciais na planta baixa dos inmobles situados na cidade histórica fóra dos espazos onde cómpre protexer o tecido residencial.
Pola súa parte, mantéñense todos os efectos da suspensión publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de xuño nos espazos da cidade histórica onde prevalece o uso terciario en planta baixa, que clasificamos en seis eixos (Galeras-San Clemente, Avenida da Coruña-Avenida de Figueroa, Carreira do Conde-Porta do Camiño, Cruz de San Pedro-Acibecharía, Porta Faxeira-San Francisco e Basquiños-Cervantes) e un ámbito (onde se concentra a actividade terciaria da cidade histórica coincidente co cadrante sudeste do antigo recinto intramuros).
Deste xeito, o acordo de levantamento parcial da suspensión incluirá un cadro coa identificación precisa das rúas que compoñen cada un deses seis eixos e coa delimitación igualmente precisa dese ámbito onde se manterá a suspensión con todos os seus efectos.
Comercio de proximidade
Iago Lestegás incidiu en que este goberno aposta polo planeamento urbanístico para ordenar adecuadamente os usos na cidade para garantir que os barrios teñan usos diversos e para protexer o comercio de proximidade. “Un comercio de proximidade que garante o abastecemento da veciñanza sen necesidade de grandes desprazamentos, que contribúe á vitalidade e seguridade das rúas e prazas, que proporciona espazos de socialización e encontro e que favorece o dinamismo da economía local”, defendeu.
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica resumiu que “hai espazos da cidade onde é necesario preservar o carácter comercial das plantas baixas para protexer a diversidade funcional e a vitalidade urbana”, mentres que, noutras zonas, “pode autorizarse dende a perspectiva urbanística o uso residencial na planta baixa porque xa é característico e porque non supón ameaza ningunha para o tecido comercial”.
Rexistro de Soares
Doutra banda, o concelleiro de Vivenda aproveitou a súa intervención para explicar o acordo da xunta de goberno local deste luns, no que se desestimou o recurso presentado contra tres das catro ordes de inclusión no Rexistro municipal de soares ditadas en abril. Esta desestimación susténtase en que considerou sobradamente acreditado o incumprimento do deber de uso, conservación e rehabilitación establecido no artigo 135 da Lei do solo de Galicia.
O concelleiro de Vivenda lembrou que o 19 de febreiro de 2024 incoáronse os procedementos de inclusión de catro inmobles con declaración de ruína situados (Rúa de San Roque 23, Praciña das Penas 5, Rúa dos Loureiros 14 e Rúa do Espírito Santo 33). Os catro inmobles forman parte do patrimonio catalogado co nivel 4 polo Plan especial e teñen declaración de ruína.
A continuación, o 25 de abril de 2024, ordenouse a inclusión no Rexistro de soares dos catro inmobles e o 7 de maio publicáronse as catro ordes de inclusión no BOE. Tres dos catro inmobles (San Roque 23, Praciña das Penas 5 e Loureiros 14) pertencen á mesma comunidade de herdeiros, que foi a que presentou recurso de reposición contra os tres decretos que ordenaban a inclusión dos tres inmobles no Rexistro de soares.
Unha vez desestimado o recurso de reposición, o Concello continúa coa tramitación do procedemento que rematará, en cumprimento do establecido no artigo 138 da LSG, coa saída a poxa pública dos inmobles.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)