AD

Actualidad

Santiago prepárase para a Semana Santa: descubre a programación completa

today25 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • A Semana Santa de Santiago de Compostela foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no 2018

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, o arcebispo da Diócese de Santiago, Francisco José Prieto, e a presidenta da Xunta da Confrarías, María Elena Bernárdez, presentaron no Pazo de Raxoi o folleto que recolle o programa de actividades que neste ano se desenvolverán no mes de abril arredor da Semana Santa. O programa está xa dispoñible na oficina de información de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, así como nas sedes das distintas confrarías de Santiago.

A Semana Santa é un evento que marca o comezo da tempada alta turística en Compostela, e que conta cun gran atractivo turístico, tal e como recoñece a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, que recibiu no ano 2018. Por iso, un dos obxectivos é promocionar, ademais dos propios días centrais da celebración, as actividades que se desenvolven previamente para continuar fomentando a desestacionalización dos fluxos turísticos na cidade.

Por estes motivos, dende o Concello de Santiago, en colaboración coa Xunta de Confrarías, edítase cada ano un folleto que recolle non só as as celebracións relixiosas e litúrxicas propias destas datas, senón tamén outro tipo de actividades dirixidas a distintos perfís de turistas: culturais, gastronómicas e de natureza.

O folleto recolle as múltiples procesións que percorrerán o casco histórico compostelán do 11 ao 20 de abril, ademais da traslación do Cristo da Paciencia o 27 de abril. O folleto inclúe ademais unhas palabras do presidente da Xunta da Semana Santa de Medina del Campo, David Muriel, quen dará o pregón das festas o 5 de abril. Cabe destacar que a Semana Santa de Medina del campo é Festa de Interese turístico Internacional.

O programa inclúe as actividades culturais e exposicións que terán lugar durante estas semanas. Tamén destaca os concertos que se celebrarán dentro de «De Lugares e Órganos», ciclo musical centrado no patrimonio organístico de Santiago. Ademais, inclúe os horarios de apertura de igrexas, algunha das cales abre excepcionalmente en Semana Santa.

Respecto da gastronomía, inclúense a celebración da Festa das Uñas de San Lázaro, que terá lugar do 4 ao 7 de abril, e na que se pode degustar o tradicional prato de uñas en máis de vinte locais, tanto do barrio de San Lázaro como doutros barrios de Compostela.

Finalmente, inclúese unha proposta para amantes da natureza baixo o nome de «Santiago Natural», recomendando un conxunto de dez sendas naturais accesibles camiñando dende a cidade, de curta e media duración, pensadas para realizar nun par de horas e orientadas especialmente para familias, que permiten ver a excepcional relación que da entre o centro urbano de Compostela coa súa contorna natural.

Pode consultarse máis información en www.semanasantasantiago.es.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *