Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 octubre, 2025
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025. — Xornada histórica en Santiago, pero por motivos lamentables. Por primeira vez desde o ano 1921, o Parque de Bombeiros da capital galega permanece inoperativo por falta de persoal, deixando a cidade —Patrimonio da Humanidade e destino de peregrinación mundial— sen servizo operativo de emerxencias.
Segundo denunciaron os propios bombeiros composteláns, a situación chega tras anos de mala xestión e de falta de reposición de efectivos, a pesar das reiteradas peticións de reforzo trasladadas ao Concello.
O peche operativo do servizo deixa a veciños, visitantes e o valioso patrimonio histórico-artístico da cidade sen protección inmediata ata o luns ás 22.00 horas, algo que non ten precedentes en ningunha outra cidade galega.
“Detrás de cada aviso que non se pode atender hai persoas que confían en nós, e bombeiros que queren facer o seu traballo pero non contan cos medios nin co persoal necesario”, sinalan dende o corpo municipal, que cualifica o acontecido como “unha situación límite e insostible”.
A falta de efectivos impide cubrir as quendas mínimas obrigatorias para garantir a seguridade, polo que o parque quedou sen capacidade de resposta ante posibles incendios, accidentes ou emerxencias urbanas.
O suceso xerou alarma social e indignación, tanto entre os profesionais do servizo como na cidadanía, que ve con preocupación a desprotección da capital galega.
Os bombeiros composteláns reclaman un plan urxente de contratación e reorganización, advertindo de que, de non tomarse medidas inmediatas, situacións como a deste luns poderían repetirse nas vindeiras semanas.
A pregunta, segundo remarcan, é tan clara como preocupante: “Ata cando vai durar esta irresponsabilidade?”
Escrito por Líder Redacción
bombeiros Comunicado denuncia Santiago de Compostela ultima hora


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)