Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
08/04/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Isabel Suárez, coordinadora da Fundación Secratario Xitano (FSG) en Santiago, e representantes dos demais grupos municipais, deron lectura ao manifesto institucional en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que tamén se celebra coa colocación da bandeira ou co canto do himno Gelem, Gelem, símbolos deste colectivo.
Un ano máis, o Concello de Santiago sumouse a esta celebración cun acto de celebración que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi co que se quixo lembrar a historia do pobo xitano, e tamén denunciar as situacións de discriminación e exclusión que este colectivo segue a sufrir no día a día. A data non é casual, elixiuse para conmemorar a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971.
A celebración deste día inclúe o izado da bandeira xitana, que se colocou na escaleira de acceso á zona nobre do Pazo de Raxoi; a interpretación do himno xitano Gelem, Gelem; así como a lectura dunha declaración institucional, que levaron a cabo o alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os representantes dos grupos municipais Marta Álvarez (PSdG); José Antonio Constenla (PP), Míriam Louzao (BNG) e María Rozas (CA).
A rexedora, acompañada de Isabel Suárez, coordinadora da Fundación Secratario Xitano (FSG) en Santiago, abriu o acto defendendo un futuro sen discriminación para este colectivo «no que a diversidade e a singularidade identitaria sumen e sexan fonte de riqueza cultural e social para o conxunto da cidadanía».
A continuación levouse a cabo a lectura da Declaración institucional na que se aludiu á celebración do 600º aniversario da chegada das primeiras persoas xitanas á Península, o próximo 2025, salientando que «os xitanos e as xitanas seguen sendo un pobo esencialmente descoñecido. E nese descoñecemento habitan os prexuízos, os receos e, polo tanto, o rexeitamento e a discriminación que converten ao pobo xitano na minoría máis repudiada socialmente en toda Europa».
Para loitar contra isto, na declaración apélase á «construción de espazos e dinámicas que permitan coñecer mellor ao pobo xitano» e ao compromiso desde os poderes públicos para «xerar esas oportunidades e reforzar políticas públicas que permitan demoler as barreiras existentes e que propicien o exercicio da súa cidadanía en igualdade de condicións, dunha maneira real e efectiva», xa que aínda seguen existindo situacións para este grupo como a súa sobrerepresentación na pobreza «cunha grave desigualdade educativa que limita as súas oportunidades laborais de futuro, e con situacións de segregación, tanto escolar como residencial»·
O acto pechouse coas intervencións dalgúns dos mozos e mozas do colectivo xitano que asistiron ao acto e co visionado dun vídeo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)