AD

Actualidad

Santiago viviu en 2025 un ano pasado por auga: choveu case a metade dos días

today3 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • Tan só houbo dúas datas con temperatura mínima negativa, trátase do 15 de xaneiro (-0º3), e o 8 de febreiro, “cando se produciu a mínima do ano con -1º5”, explica o coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo

Nas últimas décadas, o número de días do ano nos que nalgún  momento houbo precipitación en Compostela ronda o 50%, circunstancia que neste 2025 cumpriuse practicamente con exactitude ao chegarse ao 49,8 %, ou o que é o mesmo, 182 días. “Se restamos os días nos que a choiva recollida foi inferior a  0,1 litros/m2, o que adoita denominarse inapreciable, entón a porcentaxe baixa a 44,1 % (161 días)”, explica José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. A cantidade total medida ao longo do ano que acaba de rematar resultou ser de 1.937,1  l/m2, o que supera a media, de aproximadamente 1.800 l/m2. Porén, en 2025, choveu menos que nos dous anos precedentes, cando se pasara en ambas as ocasións dos 2.000 litros/m2. “A normalidade pódese establecer en Santiago entre os 1.600 e 2.000 l/m2”, salienta o profesor Docobo.

Destaca a cantidade medida en xaneiro con 543,2 l/m2, seguida dos 393,4 l/m2 de novembro, este último mes con 25 días pasados por auga. Cómpre tamén mencionar a baixa precipitación en meses coma maio (75,3 l/m2), xuño (29,4 l/m2), ou setembro (67 l/m2). Xullo e agosto axustáronse ás estatísticas, sendo os máis secos, con 12,3 l/m2 (en cinco días) e 16,9 l/m2 (en oito días), respectivamente. O 7 de xaneiro resultou ser o día cun maior rexistro, un total de 80,8 l/m2 naquela xornada, seguidos do 26 do mesmo mes (77,3 l/m2) e do 13 de novembro (77,0 l/m2). En todo o ano 2025, contabilizáronse 17 días con máis de 30 l/m2.

Temperaturas

Nun total de doce ocasións do mes de agosto a temperatura máxima superou os 30º e, en particular, aqueles días con rexistros preto dos 35º, como foron o día 4 (35º8, máxima do ano), o 10 e o 14 (ambos os días con 34º3), ou o 6 (32º9). “Pero esta vaga de calor, aínda que estivo preto, non superou aquela outra de agosto de 2003”, destaca o profesor Docobo. Tampouco se poden esquecer as altas temperaturas que tiveron lugar na segunda quincena de xuño: 35º5, o día 29; 35º3, o día 17; 34º2 o día 30, así como os 34º0 do 28. 

“Tan só houbo dúas datas con temperatura mínima negativa no Campus Vida da USC, o 15 de xaneiro ( -0º3), e o 8 de febreiro, cando se produciu  a mínima do ano con -1º5”, engade o profesor Docobo. O 21 de decembro non se chegaron a superar os 8º, en tanto que a noite do 29 de xuño resultou ser a máis quente de 2025, cando a temperatura non baixou dos 19º6. Aínda así, salientan dende o Observatorio da USC, que “houbo veráns nos que a mínima superou claramente a vintena”. A temperatura media no ano en Santiago foi de 15º5.

Insolación

“Na medida deste outro parámetro meteorolóxico aparece de novo a porcentaxe do 50% na capital de Galicia. En efecto tamén o número de horas de Sol anda rozando sempre dita porcentaxe sobre as posibles horas de insolación”, explica José Ángel Docobo. En 2025, os heliógrafos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller rexistraron 2.145 horas e 45 minutos, o que representa un 48,9%, porcentaxe lixeiramente por baixo dos acadados en anos recentes nos que se chegou ata o 53,6% en 2017, ou mesmo ao 52,7% en 2023. A isto contribuíu sobre todo a baixa insolación do pasado novembro con só 81 horas e 35 minutos. Pola contra, en agosto medíronse 285 horas, en xullo case 268 horas, e en maio máis de 233. Maio, xullo e setembro, foron os meses nos que o Sol saíu todos os días. Nun total de 104 xornadas, o Sol brillou en Compostela máis de nove horas, e noutras 77 fíxoo entre seis e nove horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *