Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 abril, 2025
A creadora de contido Sara Seco pasou polos micrófonos de Radio Líder para falar do seu traballo como influencer en galego, a súa aposta pola normalización lingüística e a recente participación en programas e eventos públicos, como o pregón da Pascua de Padrón.
A súa traxectoria nas redes comezou a finais de 2021, “coa intención de sumar ao movemento TikTok en galego”, que xurdiu tras a negativa da plataforma a aceptar o galego como lingua válida para contidos patrocinados. Desde entón, Seco non parou de medrar en seguidores —máis de 18.000 en TikTok e 7.000 en Instagram— e de visibilizar a importancia de falar galego nas redes sociais.
“Eu quería facer contido que me gustase consumir: moda, beleza, vida diaria… pero en galego. E sobre todo, facelo sen pretensións, sen frustrarse, sendo eu mesma”, explicou. Esa naturalidade converteuse na súa marca, rexistrando o seu día a día a través de vlogs nos que tamén introduce mensaxes de denuncia ou reivindicación.
Sobre o futuro da lingua, Seco é clara: “Se non fose pola xente que a seguimos falando, o galego xa estaría morto polos ataques constantes que recibiu durante anos”. Aínda así, mantén a esperanza nunha recuperación: “Todo ten reversión se hai vontade política e social”.
Recibiu recentemente o premio á Mellor Canle nos premios Youtubeiras, xa abertos a outras plataformas como TikTok. “Estaba nominada con dúas grandes compañeiras, María Prado Rúa e Nuria Grandío. Foi moi emocionante”.
Preguntada pola monetización nas redes, aclara: “En TikTok gañas unha miseria polas visualizacións. Un vídeo con 300.000 reproducións pode darche 4 ou 5 euros. Os ingresos reais veñen das colaboracións con marcas, pero sempre sendo fiel ao que penso”.
Sara tamén aproveitou para reivindicar contido infantil en galego: “As crianzas non poden estar vendo o que vía eu de pequena. É importantísimo que poidan falar de Bluey ou Peppa Pig na súa lingua, que vexan o que ve todo o mundo en galego”.
Tamén se mostrou moi ilusionada por ser a pregoeira da Pascua de Padrón: “Estarei presentando o pregón de Marina López Gestalt. É unha honra formar parte desta celebración”.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)