Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Partido Popular de Melide exixe ao goberno local a convocatoria “urxente e inaprazable” da Xunta Local de Seguridade ante o elevado número de roubos rexistrados nos últimos días en varias vivendas do municipio.
A formación lembra que leva meses advertindo da crecente sensación de inseguridade no Concello pola falta de efectivos tanto de Policía Local como de Garda Civil, unha carencia que, segundo denuncian, está derivando en situacións cada vez máis graves.

O Grupo Popular reclama que se cubran de inmediato as sete prazas vacantes de Policía Local e que o goberno municipal inste tamén ao Ministerio do Interior a cubrir as tres prazas pendentes de Garda Civil. Na actualidade, sinalan, só hai unha patrulla para dar cobertura a oito concellos.
“Os roubos, a inseguridade e o vandalismo estannos levando a unha situación límite. Non nos podemos permitir ter sete prazas de Policía Local sen cubrir e un servizo da Garda Civil completamente insuficiente. O Concello debe priorizar a seguridade; se non o fai, nós seguiremos denunciándoo”, advirten desde o grupo municipal popular.
O PP subliña que a aparición de seis roubos en vivendas nunha mesma semana “non é casualidade” e que Melide leva tempo sufrindo diferentes vagas delituosas. Ademais, aseguran que numerosos veciños lles trasladan unha fonda preocupación e sensación de indefensión, con chamadas á Policía e á Garda Civil que “quedan en nada”.
Por todo isto, o Partido Popular demanda a posta en marcha dun plan especial contra a inseguridade que garanta a protección da veciñanza e dea resposta “a un problema que afecta a todos”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)