AD

Actualidad

SÉS pecha en Compostela a xira Nadando na Incerteza, ao abeiro do ciclo Fiestra Aberta

today17 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

A cantora e compositora SÉS volve a Compostela o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 20.00 horas, para ofrecer no Auditorio de Galicia o último concerto da xira de presentación do seu novo traballo discográfico, Nadando na Incerteza. 

Neste espectáculo, que se emarca dentro do ciclo musical Fiestra Aberta, a artista coruñesa de orixe bergantiñá ofrece un directo que afonda na esencia da súa proposta musical, situando a canción no centro absoluto. Sen artificios nin sobreproducións, a proposta convértese nun exercicio de artesanía sonora no que a palabra e a melodía funcionan como os piares fundamentais dun repertorio concibido para sosterse por si mesmo.

Publicado a finais de 2025, Nadando na Incerteza reúne trece cancións orixinais e marca unha nova etapa na traxectoria dunha das voces máis recoñecibles da música galega contemporánea. O disco caracterízase pola tendencia á sinxeleza instrumental, por voces que respiran con peso e por composicións nas que a honestidade expresiva e o compromiso coa canción como forma esencial de comunicación artística definen o seu ton.

A xira coa que SÉS presentou este traballo en diferentes cidades galegas confirma o lugar da artista como unha das grandes cancionistas do país, capaz de combinar forza escénica, emoción e palabra nun diálogo directo co público. O concerto en Compostela permitirá escoitar en directo os novos temas xunto con algunhas das cancións que conforman xa o seu universo musical.

Sobre o escenario, SÉS estará acompañada por unha banda formada por Sabela Galbán (acordeón, frauta, percusións e voz), Hirahi Afonso (timple canario e guitarra), Tito Calviño (guitarra) e Mayfer Pinto (percusións), nun formato que potencia a proximidade e a intensidade interpretativa das súas cancións.

Aínda quedan unhas poucas entradas dispoñibles (12 euros, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) que poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal, e  na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Se non se esgotan antes, tamén se poderán mercar directamente no despacho de billetes do Teatro Principal o propio xoves a partir das 20.00 horas.

Fiestra Aberta, un mapa de voces e resonancias

Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel semestral dun programa que se estenderá até final de ano con novas propostas.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo, cuxo título ecoa as últimas palabras de Rosalía de Castro, insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura da autora e coa súa proxección como referente cultural europeo.

Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, Fiestra Aberta conta co apoio do Consorcio da Cidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *