Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 noviembre, 2024
O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago reafirma o seu compromiso cunha oposición útil e construtiva tras alcanzar un acordo co goberno local para desbloquear un modificativo de crédito que asegura a execución de catro proxectos clave financiados con fondos europeos.
Logo de manifestar a súa negativa inicial a unha proposta do goberno bipartito de BNG e Compostela Aberta, que retiraba fondos destinados a infraestruturas esenciais como centros socioculturais no rural, instalacións deportivas e reparación de muros, os socialistas presentaron unha alternativa que preserva estas actuacións. A solución consensuada establece que os recursos necesarios para proxectos como o pavillón de Vite, o complexo deportivo de Santa Isabel, obras no Pazo de Raxoi e unha plataforma loxística de última milla sexan redirixidos desde unha partida orzamentaria destinada á construción dunha cociña municipal, proxecto que non poderá executarse no que resta de ano.
Os socialistas xustificaron esta decisión sinalando que o actual servizo de comedores escolares, xestionado por unha concesionaria, xa funciona cunha cociña única en Santiago, modelo que seguirá operativo ata agosto de 2026 grazas á prórroga do contrato. Este horizonte permite reprogramar o proxecto da cociña municipal nos orzamentos de 2024, evitando así calquera prexuízo para outros investimentos prioritarios.
Desde o Grupo Municipal Socialista destacan que este acordo demostra unha xestión responsable e dialogada, protexendo tanto as necesidades do rural e das instalacións deportivas como a seguridade cidadá. Ademais, aseguran que a solución adoptada blinda proxectos estratéxicos que, de non executarse, implicarían a perda de fondos europeos e un grave impacto nas finanzas municipais.
«Hoxe é un bo día para Compostela», declararon os socialistas, subliñando que o diálogo e a disposición ao acordo evitaron atrasos innecesarios e garantiron a viabilidade de actuacións fundamentais para o futuro da cidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)