AD

Actualidad

Sumar acusa a PP e Non Adscritas de «bloquear» o novo contrato da auga e o cambio de nome do Apóstolo Santiago

today26 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O grupo Movemento Sumar Terras de Compostela criticou duramente a postura do Partido Popular e das concelleiras Non Adscritas no pleno municipal celebrado este xoves, ao considerar que ambas formacións “fixeron pinza” para frear dúas cuestións relevantes: a renovación do contrato do servizo da auga e o cambio de nome do CEIP Apóstolo Santiago.

No caso do centro educativo da Almáciga, o pleno debateu a proposta de modificación do nome do CEIP Apóstolo Santiago, unha iniciativa promovida pola ANPA e avalada por unanimidade polo Consello Escolar tras dous anos de traballo, seguindo —segundo sinala Sumar— o procedemento legal establecido. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP e das Non Adscritas.

Desde Movemento Sumar consideran que esta decisión supón “unha falta de respecto institucional” cara á comunidade educativa e un cuestionamento da participación democrática nos centros. A formación defende que a escola pública “non pode ser utilizada como campo de batalla ideolóxico nin vítima dun conservadurismo que despreza os procesos colectivos”.

No mesmo pleno abordouse tamén o modelo de xestión do servizo municipal da auga, cun contrato que, segundo lembra Sumar, se atopa en situación de precariedade desde 2019. A formación critica que o PP, tras defender na Comisión da Auga a continuidade da concesión privada, optase finalmente pola abstención na votación plenaria, unha postura que —ao seu xuízo— impide avanzar cara a unha solución estable e transparente.

Para Movemento Sumar, a auga é “un servizo público esencial” que debe estar sometido a control público e garantías para a cidadanía, afastado de “cálculos partidistas” e da protección dun modelo concesional que consideran desfasado.

A organización cualifica o acontecido no pleno como “bloqueo político deliberado” e acusa ao PP de manter unha estratexia que, din, non ofrece alternativas nin contribúe a mellorar a vida da veciñanza.

Movemento Sumar Terras de Compostela reafirmou o seu compromiso cun municipalismo baseado na escoita activa da cidadanía, no respecto aos procesos participativos e na defensa dos servizos públicos como dereitos básicos, concluíndo que “Compostela merece política útil e responsabilidade democrática”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *