Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 julio, 2025
O Pino. 23-7-2025.- O alcalde do Pino, Manuel Taboada, acompañou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez durante a visita que esta fixo á depuradora de Arca, financiada con 2,2 millóns pola Xunta e que xa está dando servizo a arredor de 1.200 veciños de cinco núcleos de poboación. Manuel Taboada solicitoulle á conselleira financiación para instalar o bombeo e os colectores para conectar Castrofeito e O Amenal coa nova depuradora.
Ademais do alcalde, acompañaron á conselleira o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; o director xeral de Viaqua, Nicolás Esmorís, e veciños e veciñas de Arca, que puideron coñecer como funciona a nova depuradora e o ciclo que seguen as augas residuais dende que entran nas instalacións ata que, xa completamente depuradas, se verten ao rego do Burgo.
Ángeles Vázquez insistiu na importancia de concienciar a toda a veciñanza para que non se tiren polos desaugues aceite usado, toalliñas, cueiros, compresas a todos aqueles produtos que dificultan a depuración das augas residuais. A conselleira lembrou que facer unha boa reciclaxe no fogar é importante para preservar o medio ambiente e diminuír os custos de mantemento da depuradora.
Manuel Taboada lembrou que o mantemento da depuradora suponlle para as arcas municipais uns gastos superiores aos 10.000 euros mensuais. O alcalde lembrou que na nova ordenanza, que se espera entre en vigor o vindeiro ano, o Concello ten que repercutir por lei este custo nos recibos.
Durante a súa visita ás instalacións, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que aínda que de momento a EDAR beneficia a todos os habitantes dos núcleos do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón, ten capacidade para poder atender unha poboación equivalente de máis de 3.000 habitantes, polo que está preparada para afrontar posibles incrementos futuros de poboación, xa sexan estables ou puntuais.
A responsable autonómica explicou que os traballos executados incluíron tamén a dotación dunha estación de bombeo de augas residuais (EBAR), o acondicionamento de 1.230 metros dun colector existente na marxe do rego do Burgo e a instalación de 640 metros de novas conducións para conectar coa nova depuradora. En total, o investimento da Xunta na realización destas actuacións suma 2,2 millóns de euros.
As obras, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foron executadas por Augas de Galicia e postas á disposición do Concello do Pino para que asumira a súa explotación a finais de 2024, polo que xa levan varios meses en servizo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)