AD

Actualidad

Teo convoca os Premios á excelencia deportiva para deportistas galego-teenses de alto nivel

today27 junio, 2024

Background
share close
AD
  • A dotación orzamentaria prevista para este ano 2024 é de 10.000 euros, mentres que os premios oscilan entre os 1.500 e os 750 euros dependendo da categoría
  • As persoas deportistas interesadas teñen de prazo 15 días para presentar as solicitudes, preferiblemente por medios electrónicos
  • Estas axudas serán compatibles con premios ou subvencións económicas recibidas durante o ano 2024 procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados

Teo (A Coruña), 27 de xuño de 2024.- O Concello de Teo convoca os Premios á excelencia deportiva para os deportistas galego-teenses de alto nivel, cunha dotación orzamentaria total de 10.000 euros. Así o publicou o Boletín Oficial da Provincia da Coruña, onde se recollen as bases desta primeira convocatoria.

Así, estes premios pretenden apoiar ás persoas deportistas galegas de Alto Nivel que estean empadroadas no Concello de Teo e que participaron en competicións deportivas oficiais de categoría absoluta de ámbito mundial, europeo ou estatal no ano 2023.

As persoas interesadas teñen de prazo 15 días para presentar as solicitudes, preferiblemente por medios electrónicos dende a Sede Electrónica, ou ben de maneira presencial en calquera rexistro establecido na normativa reguladora ou no Rexistro do Concello de Teo.

Estas axudas serán compatibles con premios ou subvencións económicas recibidas durante o ano 2024 procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados. Os importes oscilan entre os 1.500 euros para os deportistas con competicións a nivel mundial, 1.000 euros para os que compiten a nivel europeo e 750 euros para os que compiten a nivel estatal.

Persoas beneficiarias

As persoas solicitantes deberán ser maiores de 16 e menores de 35 anos na data do último día de prazo de presentación de solicitudes, ademais de estar empadroadas en Teo, polo menos dende o 1 de xaneiro de 2022.

Tamén deberán ter en vigor o recoñecemento como persoa deportista galega de alto nivel, outorgado pola Secretaría Xeral para o Deporte, no momento da publicación destas bases. Así como unha licenza deportiva vixente nunha especialidade deportiva competitiva de carácter individual, expedida por unha federación deportiva recoñecida pola Administración Deportiva Autonómica de Galicia ou polo Consello Superior de Deportes.

Por último, non estar cumprindo sanción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva de carácter grave ou moi grave e estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e a Xunta de Galicia.

Obrigas

Tal e como se recolle nas bases, as persoas beneficiarias destes premios deberán colaborar co Concello naquelas actividades deportivas qe organiza a insititución cando lle sexa requirido, facendo constar na súa publicidade o patrocinio do Concello de Teo.

Así mesmo, deberán comunicar ao Departamento de Deportes a súa presenza en competicións nacionais e internacionais e o posto conseguido, así como facilitar material gráfico para a súa difusión dende os medios municipais.

Enlace á convocatoria: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/06/25/2024_0000004385.html

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%