Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 septiembre, 2025
16 de setembro de 2025.- O Pleno municipal de Lousame, reunido na tarde de hoxe en sesión extraordinaria e urxente, tomou coñecemento do escrito de renuncia ao cargo de alcaldesa presentado por Teresa Villaverde Pais, despois de 14 anos á fronte da corporación municipal e tras 22 anos como concelleira. Villaverde Pais expúxolles aos distintos grupos municipais que “por motivos estritamente persoais, véxome na necesidade de tomar a decisión, nada fácil pero necesaria, de presentar a miña renuncia ao cargo de alcaldesa presidenta desta corporación municipal”.
A ex-alcaldesa de Lousame quixo que as súas primeiras palabras foran “para agradecer á veciñanza de Lousame a confianza depositada na nosa candidatura do Partido Popular de Galicia que, unha vez mais, resultou ser a máis votada nas pasadas eleccións municipais”. Acto seguido, tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para os seus compañeiros do Grupo de Goberno: “síntome orgullosa de pertencer a este equipo e de ter a oportunidade de participar activamente na xestión política da vida municipal xunto ao meu equipo de Goberno”.
Finalmente, Teresa Villaverde agradeceu tamén aos grupos da oposición “polo clima de respecto e colaboración” e a todo o persoal municipal “cos que levo traballando 22 anos, pola súa colaboración e paciencia que me demostraron, sen a súa axuda non sería posible realizar o meu traballo nestes catorce anos de xestión, exercendo con dedicación e responsabilidade as funcións de alcaldesa de Lousame, o meu concello”.
Xestión
Unha xestión “con acertos e erros, pero sempre pensando no ben común”, apuntou Villaverde Pais, quen evitou facer unha relación de obras ou servizos postos en marcha. “Traballamos en equipo, dedicando esforzos, creando ilusións e facendo realidade moitos dos proxectos comprometidos cos nosos veciños e veciñas lexislatura tras lexislatura”.
Neste sentido, recoñeceu que “son moitas as actuacións levadas a cabo nestes anos, todas elas grazas ao gran traballo realizado por todos os membros do Equipo de Goberno, de todos os traballadores e traballadoras públicos e da colaboración atopada nos colectivos locais e da cidadanía en xeral: asociacións, comunidades de montes…”. Finalmente, Teresa Villaverde quixo facer unha mención especial “a todo o voluntariado: Protección Civil, Voluntariado Xuvenil, Sénior e Erasmus, que veñen facendo actividades nos ámbitos social, deportivo, medioambiental e cultural durante estes anos. A todos eles quero mandarlles o meu agradecemento máis sincero e o ofrecemento para seguir colaborando en todo o que poida ser útil”.
Futuro
Sobre o seu futuro, Teresa Villaverde apuntou que “seguirei a partir de agora traballando polo meu pobo como unha máis, naquelas cuestións que contribúan a seguir avanzando e mellorando como comunidade”. De feito, durante a xornada de mañá, Villaverde asistiu á primeira sesión dos Obradoiros da Memoria, un programa gratuíto no que están anotadas máis de sesenta persoas, e sinalou que unha das primeiras cousas que fará é anotarse como voluntaria sénior.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)