AD

Actualidad

Tonhito de Poi estrea proxecto musical: «POI é rock, electrónica e chamanismo»

today4 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

O artista galego Tonhito de Poi, coñecido pola súa traxectoria na música e na televisión, presentou en Radio Líder Santiago o seu novo proxecto musical en compañía da produtora e música Cristina Morquillas. O proxecto, chamado POI, combina rock, electrónica e chamanismo, cunha forte mensaxe de respecto á natureza e á identidade galega.

«É un proxecto que xorde de moitos anos de amizade e de traballar xuntos. A música de POI ten tres ingredientes: rock, electrónica e unha parte mística que conecta coa natureza e co animismo, como facían os nativos da selva», explicou Toñito durante a entrevista.

O grupo está composto por Tonhito de Poi (voz e guitarra), Cristina Morquillas (teclados e produción), Mr. Vieito (batería) e Pache Cruz (baixo). Todos eles aportan o seu talento para crear un son que, segundo os seus integrantes, busca transportar ao público a un universo sonoro único.

«Chamámoslle ‘Poi Floyd’ porque temos moita influencia de Pink Floyd, sobre todo na parte máis atmosférica e psicodélica», comentou Morquillas.

Un dos eixes principais do proxecto POI é a súa defensa da natureza e a denuncia do impacto ambiental dos monocultivos en Galicia. Durante a entrevista, Tonhito de Poi foi especialmente crítico coa expansión do eucalipto, ao que cualificou como unha «praga» que está a destruír os montes galegos. «Non quero eucaliptos na miña terra, e non é por capricho, é por supervivencia», afirmou con rotundidade.

O compromiso medioambiental do artista queda reflectido en temas como «O Monte é Sagrado», unha canción que trata sobre a importancia dos bosques e que está inspirada nunha historia real acontecida nos montes de Bielorrusia, onde centos de xudeus atoparon refuxio durante a Segunda Guerra Mundial. «Se a natureza é quen de salvar vidas, por que nós nos empeñamos en destruíla?», preguntouse Toñito.

Ademais do proxecto musical, Tonhito de Poi tamén falou sobre o seu traballo no ámbito audiovisual, destacando o seu novo documental «O imán do Amazonas», que se estreará en breve na plataforma dixital da TVG.

«Foi unha experiencia incrible. A selva amazónica é un mundo aparte, con regras propias e unha enerxía que non se pode explicar con palabras», relatou o artista.

No documental, Tonhito narra a súa viaxe ao corazón da Amazonia, onde conviviu con comunidades indíxenas e explorou os mitos locais. Un dos máis fascinantes é o da anaconda xigante, á que se lle atribúe unha especie de forza magnética para atraer as súas presas.

«Non se sabe se é unha feromona ou unha vibración, pero os biólogos confirman que as anacondas de máis de nove metros quedan quietas e as súas presas van cara a elas, coma se tivesen un imán», explicou.

«Heredeiros da Crus» e o novo disco gravado en Abbey Road

A carreira de Tonhito de Poi tamén está ligada a outro proxecto musical: Heredeiros da Crus, banda que este ano lanzará un novo disco, gravado parcialmente nos míticos estudos de Abbey Road, en Londres.

«Este disco vai sorprender moito. É un traballo que fixemos con moito cariño e que creemos que lle vai voar a cabeza ao público», asegurou.

O novo álbum, producido por Iago Lorenzo, será presentado o 21 de febreiro na mítica sala Mardi Gras, na Coruña, cun concerto no que se interpretarán os temas en directo.

Antes de rematar a entrevista, Tonhito de Poi adiantou un novo proxecto televisivo no que participa como coordinador. Trátase dun programa onde persoeiros famosos farán autostop para desprazarse polos diferentes recunchos de Galicia.

«É un formato divertido e moi auténtico. O coche convértese nun espazo de confesións e anécdotas onde os convidados mostran unha cara que non sempre se ve na televisión», explicou.

«O importante é facer cousas que teñan sentido, que aporten algo e que conecten coa xente. Para min, a música e a arte teñen que ter alma», concluíu.

Tes a entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *