AD

Actualidad

Tratalenca, a aula de música ameazada por terrazas e presións comerciais, resiste en Área Central

today8 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • Esther Sobral, pedagoga e fundadora deste espazo educativo e musical, denuncia as presións para abandonar o seu local na planta baixa e os efectos da instalación dunha terraza que limita a accesibilidade e visibilidade do seu proxecto.

Redacción, a 8 de outubro de 2025.- Hai locais que son moito máis ca negocios. Tratalenca, na chamada «esquina vermella» da Área Central, é un deses espazos pequenos só en tamaño, pero xigantes en significado. Fundada no verán de 2020 por Esther Sobral, pedagoga con máis de 40 anos de experiencia, Tratalenca é unha aula de música, de memoria, de empatía e de coidado. Recibe desde bebés ata persoas maiores con problemas cognitivos, pasando por nenos e familias que atopan aquí algo máis que clases: unha comunidade.

Pero esta historia de compromiso educativo e social viuse sacudida por unha situación que Ester describe como “incomprensible e dolorosa”. A xerencia do centro comercial solicitoulle abandonar o local actual para trasladarse á planta superior, con argumentos relacionados con cambios na distribución dos espazos. Aínda que en principio se lle ofreceu continuar no mesmo local, a instalación dunha nova terraza de hostalaría rodeando o seu acceso fixo que a convivencia se convertese nunha loita silenciosa. Literalmente.

“A aula quedou no medio de dúas entradas de terraza, tapada, sen visibilidade, e co acceso comprometido para nenos pequenos e persoas en cadeira de rodas”, denuncia Esther visiblemente emocionada na entrevista concedida á radio local de Compostela e comarcas.

Tratalenca naceu nun momento de crise, en plena pandemia, como resposta a unha necesidade vital: ensinar doutro xeito, crear un espazo versátil e seguro, adaptado ás persoas e á música. “Tratalenca vén de ‘traballo’, ‘talento’ e ‘cariño’. É un proxecto que nace do coidado, non dunha estratexia de negocio”, explica.

O local da planta baixa foi escollido con coidado: acristalado para dar visibilidade e confianza ás familias, preto da entrada principal para facilitar a recollida dos máis pequenos, ao carón dunha papelería que lles dá soporte diario. “Non podo subir a planta de arriba. Hai nenos de dous, tres e catro anos. Hai familias que teñen outros fillos e non poden subir correndo. Iso non é só incómodo, é inseguro”.

Ademais, a planta superior require insonorización e obras de adaptación moi custosas, ao estar baixo vivendas particulares. “Non é que me negue por capricho. É que ese espazo non é viable para un proxecto educativo como este. Xa investín 30.000 euros para legalizar e acondicionar o local actual. Non podo facelo outra vez”.

O custo da visibilidade

O conflito parecía solucionado cando a xerencia lle confirmou que podería quedar onde estaba, pero “ao pouco tempo”, di, comezaron as obras dunha terraza que rodea literalmente a súa entrada. “Quedamos encaixoados. Perdoamos visibilidade, alumnos e, sobre todo, accesibilidade”, explica. E engade con voz entrecortada: “A aula foi deseñada para acoller tamén persoas maiores, ás veces en cadeira de rodas, como Olguiña, que xa non está con nós. Que pensen nesas persoas tamén, por favor”.

O impacto non foi só simbólico: oito familias confirmaron que non poderían continuar se Tratalenca se traslada ou mantén a situación actual de acceso obstaculizado. O dano económico é claro, pero para Esther, o que máis doe é “sentir que non se valora o que facemos, que non se entende que a educación tamén é un servizo que merece respecto”.

“Os que van aos bares e os restaurantes tamén teñen dereito a un bo servizo. Pero os nenos, os maiores, as familias… tamén. A educación non debería estar detrás dunha terraza. Debería convivir con ela”, di.

Esther presentou unha proposta detallada para un posible traslado: insonorización, adaptación de baños, mantemento da visibilidade e unha rebaixa no alugueiro. Tamén propuxo alternativas á situación actual, como modificar o deseño da terraza para garantir un paso accesible. “Só pedimos poder seguir traballando. Non queremos prexuízos nin privilexios, só xustiza e sentido común”.

A resposta foi negativa. E a situación, para ela e para as familias, é inxusta: “Se fose unha gran marca, non lle poñían nada diante. Pero como somos pequenos, semella que non molestamos se nos borran”.

Marchar? Penseino. Pero teño tres compromisos: comigo mesma, coas familias, e cos valores que ensino”. Tratalenca non é só unha aula: é un espazo para medrar con dignidade. Hai familias que veñen desde Noia, Ordes ou Sigüeiro, que descubriron a Área Central grazas a Tratalenca e que agora tamén consumen e dinamizan a zona.

O meu traballo é unha vocación. Non vou deixar que se silencie por intereses comerciais. Só quero seguir ensinando en paz”, conclúe Esther.

A súa historia lembra que as cidades e os centros comerciais tamén teñen alma, e que non hai progreso real cando se constrúe pisando proxectos que coidan da xente.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *