AD

Actualidad

Trece anos de Chocolote: os reis do tardeo en Compostela celebran este sábado a festa de aniversario

today12 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O local do entorno do Mercado de Abastos festexa o aniversario cunha xornada de programación continua e a actuación do músico Dani Barreiro

Chocolate, situado a poucos minutos da Catedral de Santiago e a carón do Mercado de Abastos, celebra esta fin de semana o seu 13º aniversario, consolidado xa como un dos espazos máis recoñecibles do ocio compostelán. O establecemento, impulsado na actualidade por Junior Docasar leva máis dunha década converténdose nun punto de encontro para veciñanza, visitantes e peregrinos.

A celebración terá lugar este sábado 14 de marzo cunha programación que comezará ao mediodía e que contará, entre outros momentos destacados, coa actuación do músico Dani Barreiro durante a sesión vermú. Alicia Calo, integrante do staff do local, explicou durante a entrevista que a festa será unha prolongación do espírito que define o local desde o primeiro día: “arrancamos dende a unha da tarde con programación ininterrompida ata as dez da noite; despois seguimos tamén pola noite”.

Un proxecto que apostou polo día desde o primeiro momento

Chocolate abriu as súas portas hai trece anos cunha idea que hoxe parece habitual, pero que daquela era menos frecuente: combinar ocio diúrno e nocturno. Segundo explicou Alicia Calo, esta filosofía xa estaba presente desde o inicio do proxecto.

“Dende o primeiro día Chocolate abriu tamén de día. Os sábados abríamos ás doce da mañá e os venres pola tarde. Xa era unha aposta clara por esa franxa horaria.”

Co paso dos anos, esa intuición converteuse nunha tendencia consolidada. O chamado “tardeo”, que gañou forza especialmente tras a pandemia, transformou os hábitos da clientela.

“Agora a tarde é como a noite. Hai ambiente, hai xente e tamén volume de vendas. Mesmo os venres pola tarde están moi vivos segundo a época do ano.”

O local, ademais da súa ubicación privilexiada, conseguiu construír unha identidade propia baseada na proximidade e no ambiente relaxado. A combinación de música, concertos e un espazo que invita a quedar fixo que moitos clientes o perciban como un lugar familiar dentro da cidade.

Un aniversario con música e espírito festivo

O aniversario contará cun dos músicos máis habituais do local: Dani Barreiro, artista coñecido en Galicia polos seus concertos participativos. Barreiro, que leva anos actuando nas sesións vermú de Chocolate, destacou o carácter aberto do seu espectáculo.

“Nunca fixen música de fondo. Sempre é interactiva. Busco que a xente participe, que cante, que se divirta.”

O repertorio do músico percorre varias décadas de cancións populares, desde clásicos dos anos 60 ata temas coñecidos por varias xeracións. A clave, segundo explica, é adaptarse ao público que hai diante en cada momento.

“Ás veces veñen familias con nenos, outras veces grupos de peregrinos. Vou moldeando o repertorio: canto desde cancións infantís ata rumbas ou clásicos que todo o mundo recoñece.”

Un dos temas que nunca falla nos seus concertos é “No hay manera”, que segundo o músico funciona como auténtico himno colectivo.

“É dar o primeiro acorde e todo o mundo canta. Hai cancións que xa son top de acompañamento nos concertos.”

Un espazo que funciona como “salón da casa”

Parte do éxito de Chocolate reside na atmosfera que se xera no local. Barreiro describe o lugar cunha imaxe clara que resume o seu espírito. “Chocolate ten algo especial: chegas e é como o salón da túa casa. É un sitio cálido, cómodo, onde a xente se sente a gusto.” Ese ambiente, sumado ao trato do persoal e á programación musical, fixo que o local se convertese nun punto habitual de encontro para composteláns e visitantes.

Alicia Calo subliña que manter un proxecto así durante máis dunha década non é sinxelo. “Que a xente se divirta e estea a gusto, tal e como están as cousas, é fundamental. Iso é o que buscamos todos os días.”

Trece anos despois da súa apertura, Chocolate continúa apostando pola música, pola convivencia e por un modelo de ocio que combina tradición e novas tendencias. Este sábado, Compostela terá unha nova ocasión para celebralo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *