Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 noviembre, 2025
Un total de trinta solistas procedentes de 15 países participarán esta fin de semana no VIII Concurso de Canto Compostela Lírica. Este certame, que está organizado pola Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela dende a súa posta en marcha, ten como obxectivo promover, apoiar e difundir as carreiras incipientes no ámbito lírico de menores de 35 anos. Voces procedentes de España, China, Cuba, Arxentina, Venezuela, Portugal, Suíza, Corea do Sur, Eslovaquia, República Checa, Suecia, Australia Perú, Francia e Ucraína foron escollidas na selección previa entre as 80 persoas inscritas e orixinarias de 22 países diferentes. Esta trintena de cantantes actuará este sábado a partir das 17.00 horas no Auditorio de Galicia fronte ao xurado da competición, que elixirá dez finalistas que se disputarán o sábado ás 19.00 horas no mesmo recinto os catro galardóns que entrega o certame. As dúas citas serán abertas ao público e de acceso libre.
O presidente de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, Jesús Couceiro, compareceu hoxe en rolda de prensa na compaña de Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, e Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, para presentar ante os medios a final deste VIII Concurso de Canto Compostela Lírica. Couceiro agradeceu a colaboración tanto do Concello como da Xunta, institucións que xunto a Fundación José Otero-Carmela Martínez fan posible este certame. “Un certame que, tras oito edicións, está máis que consolidado no panorama lírico internacional”, salientou o presidente de Amigos da Ópera, quen fixo referencia aos cantantes procedentes de diferentes puntos do mundo que concorren neste 2025 e as voces gañadores que levaron este premio en edicións anteriores. Unha nómina de gañadores e gañadores que inclúe o serbio Milan Perišić (2024), a polaca Paulina Bielarczyk (2023), a andaluza Carmen Buendía (2022), a madrileña Natalia Labourdette (2021), o galego Christian Gil-Borrelli (2020), a ucraína Olga Syniakova (2019) e a romanesa Alejandra Esteban (2018).
Premios e xurado
Amigos da Ópera de Santiago repartirá 7000 euros entre as voces gañadoras nuns galardóns que virán acompañados con diplomas acreditativos e con varios recitais remunerados. Deste xeito, o primeiro premio está dotado con 4000 euros, cunha actuación coa Real Filharmonía de Galicia, cun recital no marco do Festival Les Musicales du Luberon e cun rol de temporada na Ópera de Oviedo. O segundo galardón constará de 2000 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela, mentres que o terceiro disporá de 1000 euros. Por último, as voces galegas que participarán esta fin de semana no concurso competirán por unha distinción a maiores: o Diploma Andrés Gaos, que inclúe unha actuación remunerada no marco das actividades do Consello da Cultura Galega.
O xurado responsable de decidir este palmarés está formado polas seguintes voces autorizadas: Patrick Canac, presidente e fundador de Les Musicales du Luberon; Elisabete Matos, directora artística do Teatro São Carlos de Lisboa entre 2019 e 2023; Aquiles Machado, tenor e director artístico da Tempada Lírica de A Coruña; Maciej Pikulski, pianista; Victoria Stapells, crítica musical; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; Celestino Varela, director artística da Ópera de Oviedo, e Arturo Reverter, crítico musical encargado de presidir o xurado. Actuará como secretario, sen voz nin voto, José María Miranda Boto, membro da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.
Escrito por Líder Redacción
Asociación Amigos da Ópera de Santiago Asociación Amigos opera Concurso de Canto Compostela Lírica jesus couceiro


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)