Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 septiembre, 2025
O Museo Casa de la Troya e a Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos -entidade que xestiona o museo- promoven un concerto da súa agrupación musical, Troyanos de Compostela, na parroquia compostelá da Peregrina. Celebrarase na carballeira, mañá venres, 26 de setembro, ás 19:00 horas. Este evento conta co apoio do Concello de Santiago e a colaboración da Asociación de Veciños Río Sarela.
Benigno Amor é o director do Museo Casa de la Troya e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos. Explica que “con esta actuación comezamos unha nova iniciativa coa que estamos moi implicados e nos sentimos especialmente orgullosos. Queremos levar o noso repertorio, que é parte da banda sonora da nosa cidade, ás parroquias do rural do concello de Santiago. Consideramos que, no marco do noso esforzo por conservar e difundir esta tradición, debemos tratar de chegar non só ás cidades, teatros e auditorios, senón tamén a lugares máis pequenos”.
O presidente de Antiguos Tunos Compostelanos pon de relevo que “esta actividade constitúe tamén un xeito de sacar á rúa o patrimonio, neste caso o patrimonio inmaterial do Museo Casa de la Troya. E representa unha oportunidade magnífica para dalo a coñecer fóra da cidade e animar á xente a que o visite”.
No transcurso do concerto soarán pezas musicais tan populares e vencelladas a Compostela como ”Lela”, “Fonseca” ou a “Foliada do rueiro”. Trátase de cancións integradas no disco que a agrupación presentou en 2018, baixo o título “Viva Galicia! A música no tempo da Casa da Troia”.
Troyanos de Compostela
A agrupación Troyanos de Compostela, nacida en 2013, xurdiu como proxecto vencellado ao Museo Casa de la Troya cos obxectivos de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela La casa de la Troya de Pérez Lugín); e lembrar a figura e a obra de diversos compositores galegos daquel tempo. Desde a súa presentación, o grupo realizou diversas actuacións, tanto en Santiago e na súa contorna como noutras localidades de Galicia, España e Portugal.
Escrito por Líder Redacción
Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos benigno amor Carballeira Peregrina Museo Casa de la Troya Peregrina Santiago Troyanos de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)