Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 junio, 2025
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025 – A Aula Magna da Hospedería San Martiño Pinario acolleu esta tarde a primeira das Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’, que está a desenvolver a Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC), co apoio de Turismo de Galicia.
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti, foi a encargada de inaugurar estas xornadas, xunto co presidente da ATHC, Ramón García. “Gustaríame resaltar a aposta de Turismo de Galicia pola sostibilidade como un dos nosos valores turísticos” para xerar “unha relación positiva entre turistas e residentes”, sinalou a representante da Xunta de Galicia durante a súa intervención.
A continuación, a directora do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC), Lucrezia López, impartiu a conferencia titulada ‘Santiago de Compostela e o Camiño: historia, cultura e turismo’. López fixo un repaso polos momentos máis relevantes da nosa cidade e como, grazas ao Camiño, foi “gañando recoñecemento e importancia no contexto europeo”. Tamén sinalou os principais retos aos que se enfronta o sector, facendo fincapé en que “non podemos pechar as portas, senón que hai que xestionar os fluxos e apostar pola planificación dun escenario turístico que está moi diversificado”.
Para rematar, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, falou dos turistas como persoas consumidoras e usuarias. O tamén presidente da Confederación ConsumES asegurou que actualmente o “novo consumidor turístico” está “empoderado e conectado”, ten un “acceso ilimitado a información e expectativas elevadas”. E destacou tres palabras que debe ter en conta o sector na relación coa súa clientela: empatía, transparencia e comunicación.
Estas I Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’ continuarán mañá, xoves 26 de xuño, ás 17.00 h coa intervención de Marisa del Río, coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Máster en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC. Marisa, que é representante da USC no Consello Galego de Turismo e foi coordinadora do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas, impartirá a conferencia titulada ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’.
Para rematar o evento, o presidente da ATHC, Ramón García, moderará a mesa redonda ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’. Nela participarán Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; e Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.
A entrada é libre ata completar capacidade.
PROGRAMA XOVES 26
17:00h Conferencia: ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’ Relatora: Marisa del Río, profesora titular da USC e coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Master en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC
18:00h Café
18:30h Mesa redonda: ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’.
Moderador: Ramón García, presidente de ATHC. Relatores: Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.
20:15h Viño galego de despedida.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)