Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 mayo, 2025
A sociedade municipal TUSSA e a startup MOBME, constituída polo Grupo Castrosúa para procurar solucións innovadoras de micro mobilidade nas cidades, van colaborar no estudo dunha solución ás demandas de mobilidade de Santiago. Así se recolle no convenio firmado pola alcaldesa Goretti Sanmartín, na súa calidade de presidenta do Consello de Administración de Tussa; e por Beatriz Castro, conselleira delegada da carroceira compostelá. No acto de sinatura participou tamén o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro.
En virtude do convenio de colaboración, que terá unha duración dun ano, TUSSA e MOBME colaborarán na realización das actividades de investigación e análise necesarias para identificar solucións de micromobilidade urbana alternativas e complementarias ao vehículo privado e ao transporte colectivo, que favorezan a intermodalidade a través de sistemas multimodais e adaptadas as características de Compostela.
O obxectivo compartido de ambas partes é avanzar nunha nova mobilidade máis sostible, menos dependente do coche privado, e que aposte medios brandos de transporte que permitan, ao mesmo tempo, a recuperación de espazo público para as persoas. Desta maneira, trátase tamén de darlle cumprimento ás directrices europeas, en materia de loita contra o cambio climático e transición enerxética, ao tempo que se procuran avances en prol dunha democratización real da mobilidade urbana.
O Goberno de Santiago salientou a importancia de que a administración municipal estableza vías de colaboración con empresas como Castrosúa, cunha longa implantación no concello e cunha clara aposta pola innovación, a eficiencia enerxética e a mobilidade sustentable.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)