AD

Actualidad

TVG estrea este domingo ‘Bailamos Celebrity’: estes serán os 12 concursantes

today3 julio, 2025

Fondo
share close
AD

Estará presentado por Juan Fuentes, gañador do premio ao mellor comunicador nos Mestre Mateo 2025

Ana Ferreirós: «CTV puso la primera piedra del tejido industrial audiovisual gallego»

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- Televisión de Galicia estrea o vindeiro domingo, 6 de xullo, Bailamos Celebrity, en pleno prime time, ás 22:00 horas, producido por CTV. O talent show e tamén reality de baile está presentado polo carismático Juan Fuentes, presentador do programa Quen anda aí da TVG e gañador do Premio Mestre Mateo 2025 ao Mellor Comunicador. Os concursantes son:

Fran Cañotas, presentador dun dos programas de máis éxito nas tardes da Galega,  A voltas co prato. Chega a Bailamos Celebrity para amosar a súa cara máis oculta e ao tempo atractiva, ou sexa, para converterse nun auténtico sex symbol.

María Mera, presentadora de programas como A Liga dos cantantes extraordinarios ou Noite xigante e actriz protagonista de series de Netflix como O sabor das margaridas, de HBO como Motel Valkirias ou Matalobos en Televisión de Galicia.

Noelia Rodríguez, un dos rostros máis coñecidos dos informativos da TVG. Ela presenta o espazo da información meteorolóxica. Aquí verémola fóra do seu espazo de confort bailando coreografías espectaculares.

Luís Iglesia, grandísimo actor coñecido por series tan populares da TVG como Matalobos ou Pazo de familia, amosará o seu carisma e a súa experiencia. En definitiva, veremos en pantalla un galán de toda a vida.

Trisha Fernández, actriz, cantante, modelo e presentadora, unha profesional que copresentou  Luar, Triángulos máxicos e participou en programas como Comando G. Ela leva o ritmo no corpo e sorprenderanos con coreografías moi vistosas.

Eddy Ínsua, influencer fisterrán. Despois de vivir múltiples aventuras e polémicas en Gran Hermano 19, súmase ao elenco de Bailamos Celebrity para poñer o toque máis fresco e sensual desta edición.

Noelia Rey, un dos rostros máis familiares da canle autonómica, namoraranos coa súa naturalidade e espontaneidade xunto coa súa parella sentimental, Fran Cañotas. Ela é presentadora de formatos como A miña gran cidade ou Traes unha cantiga?

Miguel Canalejo, actor e cómico coñecido polo seu paso por Land Rober Tunai Show, Método criminal e Serramoura.  Miguel toma o baile moi en serio e vai dar o 120 por cento en cada coreografía.

Roi Méndez, participante en Operación Triunfo 2017, cantante e colaborador de programas como Land Rober Tunai Show, métese agora noutro talent que para el ten bastante similitudes con OT.

Sabela Silva, toda unha vida sobre os escenarios. A chamada Madonna galega vén para demostrar que está á altura dos mellores bailaríns do concurso.

Miguel Mandayo, influencer con máis de 800.000 seguidores en TikTok e coñecido polos seus divertidos vídeos relacionados coa nosa terra.

Eva Iglesias, un auténtico terremoto mediático, cómica e presentadora, coñecida pola súa participación no Land Rober Tunai Show. Cun pasado no mundo da verbena, está disposta literalmente a todo.

Os concursantes recrean, en parella, actuacións míticas de seis categorías musicais: verbena, folk, sexy, bandas sonoras das películas máis populares, revival das cancións da nosa vida, con nivelazo para as coreografías máis esixentes. Haberá intercambio de parellas e reparto de temas novos en cada programa.

Bailamos Celebrity distínguese doutros talents de baile polas coreografías e polo compoñente reality que se explora a través de dinámicas competitivas, sorpresas, entrevistas e pequenas probas que mostran a cara máis familiar dos famosos galegos.

O xurado está composto por tres grandes do mundo do espectáculo: Fran Sieira, Marisa Prisa e Silvana Sestelo. Fran é bailador profesional, coreógrafo e director da súa propia compañía de danza. Traballou, entre outros artistas, coas Tanxugueiras e na súa compañía está Aida Tarrío, das Tanxugueiras, pero tamén Mondra. Marisa é unha artista drag internacional, con experiencia en talents como o DragRace España. Silvana é actriz, bailarina e coordinadora do ballet de Luar. A misión do xurado é valorar e puntuar os doce participantes de Bailamos Celebrity. Unha vez que bailen todos, adxudicaranlles puntos do 1 ao 12 segundo os criterios que eles decidan.

O público do plató ten un papel determinante á hora de proclamar o gañador da noite. Unha vez que vote o xurado, o público votará nunha aplicación móbil polo seu favorito, que levará 6 puntos extra e, en caso de empate, será a súa decisión a que prevaleza. Así que todo pode cambiar nun momento. Iranse sumando os puntos que leva cada concursante en todos os programas ata chegar un momento no que os que teñan menos quedarán eliminados, polo que cada punto é importante.

A produtora, CTV

Desde 1985, CTV crea e produce miles de horas de programación: series, documentais, longametraxes e formatos para todos os públicos. Tamén brinda unha ampla variedade de servizos a outras produtoras e canles de televisión. O tamaño das súas instalacións xunto coa súa capacidade produtiva e tecnolóxica, convertérona nunha empresa de referencia na industria audiovisual do noso país.

CTV lidera a produción de entretemento en Galicia, xa que, os seus programas alcanzan as audiencias máis altas do prime time galego. Estas producións son posibles grazas ao seu amplo equipo técnico e artístico: máis de 80 profesionais altamente cualificados e experimentados.

Os éxitos de audiencia e os premios recibidos avalan a traxectoria e o bo facer de CTV. Entre os seus galardóns destacan o Premio Iris obtido polo programa de entretemento Land Rober Tunai Show, o Premio Mestre Mateo polas ficcións Dalia, a modista, O sabor das margaridas e Air Galicia, e o Premio da Cultura Galega polo thriller O sabor das margaridas.

Entre a súas últimas producións destacan as ficcións galego-portuguesas Motel Valkirias (HBOMax, TVG, RTP, GloboPlay) e Chegar a casa (Amazon, RTP, TVG); a primeira serie da plataforma AGalega Ghuasapp (TVG, AGalega) ou o gameshow Noite Xigante (TVG, AGalega) e o talent de comedia O novo rei da comedia (TVG, AGalega).

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *