Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 enero, 2026
Santiago de Compostela presenta un estado “moi deficiente” en moitas das súas rúas, estradas e beirarrúas, unha situación que, segundo denuncia UCIN Santiago, é consecuencia directa de “anos de falta de planificación e control” por parte do goberno municipal.
A formación local advirte de que o deterioro das vías non é un problema puntual, senón estrutural, con fochancas recorrentes, beirarrúas en mal estado, deficiencias de accesibilidade e riscos tanto para peóns como para vehículos, afectando por igual ao centro urbano, aos barrios e ás parroquias do rural.
Ante esta situación, UCIN propón un cambio profundo no modelo de xestión do mantemento viario, apostando por un plan anual de mantemento preventivo e continuo, fronte ás actuacións illadas e aos “parches puntuais” que, segundo a formación, adoitan concentrarse en períodos electorais. A proposta inclúe a elaboración dun inventario actualizado do estado real das vías municipais e a creación de brigadas de resposta rápida para intervencións urxentes, cun prazo máximo de actuación de entre 48 e 72 horas.
A iniciativa complétase coa realización dunha auditoría técnica independente do estado do firme, unha atención específica ás estradas e accesos das parroquias, e un enfoque integral do mantemento que non se limite ao asfaltado, senón que contemple tamén drenaxe, sinalización, beirarrúas e accesibilidade.
UCIN reclama ademais un maior control das empresas concesionarias, con fiscalización efectiva das obras e penalizacións nos casos de execución deficiente, co obxectivo de garantir actuacións duradeiras e un uso eficiente dos recursos públicos.
“Unha cidade ben gobernada nótase tamén no estado das súas rúas. Santiago merece un mantemento digno durante todo o ano, viva un no centro, nun barrio ou nunha parroquia”, conclúen desde a formación.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)