AD

Destacado

UCIN denuncia a presión da CIG a traballadoras do PP e a un xornalista de Radio Líder

today25 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025.- UCIN Galicia expresou hoxe a súa máis firme condena polos feitos acontecidos durante a manifestación convocada pola CIG, que decidiu rematar a súa protesta diante da sede do Partido Popular de Santiago. Segundo o partido, esta decisión xerou “unha situación de tensión absolutamente innecesaria e impropia dun sindicato que asegura defender os dereitos das mulleres e das traballadoras”.

A formación considera inadmisible que varias profesionais que traballaban no interior da sede popular tivesen que permanecer pechadas e escoltadas pola Policía Nacional, despois de que a CIG advertise que finalizaría a mobilización nese punto. Para UCIN Galicia resulta “incomprensible” que, baixo un lema que reivindica igualdade, dignidade laboral e protección dos dereitos das mulleres, se escolla “presionar a unhas traballadoras que unicamente estaban a cumprir coas súas responsabilidades profesionais”.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cualificou os feitos de “completa incoherencia”: “É unha incoherencia absoluta que unha protesta pola defensa das mulleres termine converténdose nun acto de presión sobre varias empregadas, xerando medo, tensión e unha intervención policial que nunca debera ser necesaria nunha democracia avanzada”.

Así mesmo, UCIN Galicia condena “sen matices” a presión exercida sobre un xornalista de Radio Líder durante o transcurso dos acontecementos, unha actuación que considera “totalmente contraria á liberdade de prensa e ao exercicio da profesión xornalística con plenas garantías”.

Ante esta situación, o partido solicita publicamente ao BNG, Compostela Aberta e ao resto de forzas políticas que se pronuncien con claridade sobre o ocorrido e que condenen “unha actitude que non só vulnera o respecto institucional, senón que tamén pon en risco a seguridade e a liberdade de profesionais e cidadáns”.

UCIN Galicia reafirma, por último, o seu compromiso cunha sociedade “aberta, plural e baseada no respecto”, e subliña que “a defensa dos dereitos das mulleres nunca pode ser utilizada como escusa para xerar confrontación, intimidación ou ataques a traballadoras, xornalistas ou a calquera persoa que simplemente estea realizando o seu labor”.


Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *