Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025 – Este venres 6 de xuño, a partir das 20:00 horas na Cidade da Cultura, dará comezo a terceira edición do Foro Deporte&Empresa, un dos grandes actos centrais do programa Santiago en Vivo, cun formato inspirador e solidario que quere poñer en valor a conexión entre o mundo do deporte e o tecido empresarial galego.
O evento contará cunha homenaxe moi especial a Moncho Fernández, un dos referentes máis queridos do baloncesto galego. O acto, conducido polo xornalista Carlos Macía, repasará os momentos clave da traxectoria deportiva e vital de Moncho, combinando testemuños, proxeccións e a presenza de convidados e convidadas sorpresa do mundo do baloncesto, que queren regalarlle a súa presenza ao adestrador santiagués como mostra de recoñecemento e afecto.
Un evento único e emotivo, pensado para celebrar o talento, a paixón polo deporte e os valores compartidos de superación e compromiso social.
As entradas para asistir aínda se poden adquirir a través da web www.santiagoenvivo.com por só 6 euros e teñen un carácter plenamente solidario, xa que a totalidade da recadación será doada á Fundación Stop Leucemia, entidade que traballa na investigación e apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.
Ao rematar o acto, o público poderá desprazarse á Sala Capitol, onde continuará a noite coa actuación do cómico Carlos Blanco, que ofrecerá o seu monólogo ‘A penúltima’.
O Foro Deporte&Empresa é só unha das múltiples actividades programadas durante a fin de semana dentro de Santiago en Vivo, un proxecto que transforma a cidade nun punto de encontro para a innovación, a cultura, o entretemento e a solidariedade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)