Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 octubre, 2025
O prazo para que os centros de ensino se inscriban na segunda edición de Fala que Fala remata o vindeiro 9 de outubro. Esta iniciativa educativa, promovida por Radio Líder e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, está dirixida ao alumnado da ESO e combina radio escolar, redes sociais e dinamización lingüística para achegar o galego á mocidade dun xeito creativo e participativo.
O 10 de outubro daranse a coñecer os nomes dos 8 centros seleccionados mediante sorteo, e o primeiro programa emitirase en directo a mediados de novembro. A gala de clausura celebrarase a finais de maio de 2026 na Cidade da Cultura de Galicia.
Cada centro participante elaborará o seu propio programa de dúas horas con entrevistas, dinámicas e contidos creados polo alumnado, que tamén difundirá o seu traballo a través das redes sociais oficiais do proxecto en Instagram, Facebook, X e TikTok.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou o éxito da iniciativa “que anima a falar á nosa xente máis nova e promove a lingua galega por medio da radio e das redes sociais”.
Pola súa parte, María Coutinho, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, subliñou que o obxectivo é “facer que o alumnado se sinta protagonista falando en galego, tamén no mundo dixital”.
Finalmente, o director de Radio Líder Santiago, Álvaro Veiga, apuntou que “é emocionante ver como a rapazada crea contido e fala con orgullo en galego; Fala que Fala é moito máis ca un proxecto educativo, é un impulso á lingua feito desde dentro das aulas”.
Os centros interesados poden inscribirse enviando un correo a direccion@radiolidersantiago.com antes do 9 de outubro.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)