Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 octubre, 2025
A situación que se vive dende hai meses na Praza de Cervantes, no corazón do casco histórico de Santiago, volve estar no foco da polémica. Veciños e comerciantes da zona levan tempo alertando do malestar xerado pola presenza dun home en situación de exclusión social que permanece nos soportais do edificio de Abanca, onde, segundo denuncian, realiza as súas necesidades e se mostra agresivo con quen lle recrimina a súa actitude.
Un hostaleiro da zona asegurou a El Correo Gallego que “a situación é xa insostible”, lamentando que “se eu me poño a ouriñar na rúa, sancióname a Policía, pero neste caso non se fai nada”. Outros veciños engaden que o problema “ofrece unha imaxe lamentable da cidade”, especialmente por tratarse dun punto de paso habitual de peregrinos que chegan a Compostela polo Camiño Francés.
Fontes da concellaría de Servizos Sociais recoñecen que se trata dun caso “de enorme complexidade”, no que se teñen realizado múltiples intervencións: atención na rúa, subministro de roupa, aloxamento en pensións ou pisos municipais e seguimento sanitario e xudicial. “Lamentablemente, as actuacións non deron o resultado esperado, pero o Concello continúa traballando noutras vías”, sinalan.
Pola súa banda, os concelleiros do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, ofreceron unha rolda de prensa este mércores na que cualificaron a situación como “alarmante e insostible”, acusando ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta de “inacción e falta de recursos”.
“A Praza de Cervantes é hoxe testemuña dunha situación de vulnerabilidade que require unha intervención inmediata”, afirmou Otero, quen lembrou que o sinfogarismo “vai a máis” e “non é unha cuestión ideolóxica, senón de humanización”.
De la Fuente engadiu que “os problemas de convivencia e inseguridade están medrando na cidade” e pediu máis presenza policial e mellor iluminación, ademais da instalación de cámaras de vixilancia no casco histórico.
O grupo popular tamén reclamou que o executivo local poña en marcha “de inmediato” o Centro de Atención Integral a Persoas Sen Fogar de Belvís, anunciado hai tempo pero aínda sen data de apertura.
“Non é comprensible que a veciñanza teña que soportar esta situación mentres o goberno segue sen ofrecer solucións reais”, concluíu Otero.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)