Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 octubre, 2025
• A enquisa foi elaborada a través de 408 entrevistas telefónicas asistidas por ordenador entre o 4 e o 7 de agosto
• O 68,4% das persoas entrevistadas queren que se siga celebrando
• Ademais, o 62,6% non considera que a carreira de burros poida ser cualificada como unha forma de maltrato animal
Padrón. 4-10-2025.- O Concello de Padrón dá a coñecer os resultados do estudo sociolóxico municipal realizado este verán para pulsar a opinión da cidadanía sobre o Derbi Asnal, unha das citas máis singulares e tradicionais do calendario festivo local. A enquisa, elaborada a través de 408 entrevistas telefónicas asistidas por ordenador (CATI) entre o 4 e o 7 de agosto, confirma que unha ampla maioría dos veciños e veciñas (68,4%) apoia que a carreira de burros continúe celebrándose nas próximas edicións das festas.
Esta consulta enmárcase no compromiso adquirido polo Concello o pasado mes de xullo, cando anunciou a súa intención de impulsar un estudo independente que permitise coñecer con rigor a opinión da veciñanza sobre esta actividade. A decisión adoptouse tras o debate social e político xerado arredor do regreso do Derbi Asnal en 2025 -logo da súa ausencia no 2024-, cando a Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa) organizou a carreira fóra do programa oficial do Santiaguiño do Monte como homenaxe a este animal ligado á historia e á identidade galega. A volta do evento provocou reaccións a favor e en contra entre a cidadanía e diferentes grupos políticos, entre eles o BNG e Podemos, que reclamaron expresamente unha consulta cidadá sobre o tema.
O estudo agora publicado revela que un 62,6% das persoas entrevistadas non considera que a carreira de burros poida ser cualificada como unha forma de maltrato animal, fronte a un 36% que si o pensa. A percepción varía segundo o tramo de idade: mentres un 53,7% dos menores de 30 anos si a ven como maltrato, esta porcentaxe descende ao 25% entre as persoas maiores de 65 anos.
En canto á organización do evento, o 61,1% da veciñanza opina que debería ser o Concello de Padrón quen asumise directamente a súa organización, fronte a un 29,6% que aposta por unha entidade independente.
O lugar de celebración divide opinións: o 49,3% prefire que se manteña nas rúas do casco histórico, mentres que o 44,8% opta polo Paseo do Espolón, localización elixida este ano e que rexistrou un cheo absoluto.
A relación da cidadanía co Derbi Asnal tamén queda patente: máis da metade (55,2%) asegura asistir habitualmente ao evento, un 23,6% participou nalgunha edición e só un 21,2% declara non ter asistido nunca.
A enquisa tamén recolleu a valoración sobre os fogos de artificio e bombas de palenque nas festas, un elemento que un 66,5% dos veciños considera parte da celebración, fronte ao 20,2% que se amosa en contra e un 13,3% ao que lle resulta indiferente.
Estes resultados permiten coñecer con precisión a opinión dos veciños e veciñas sobre unha actividade cun forte peso tradicional e simbólico, e servirán de base para adoptar decisións informadas sobre a súa continuidade nas vindeiras edicións das festas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)