Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 marzo, 2026
O dúo de música tradicional fixo vibrar ao público nun serán de baile, memoria e comunidade.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2026.- Unto Vello vén de presentar «Inmaterial», o seu debut discográfico, nun concerto multitudinario na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
O concerto foi un acto colectivo, no que os cantares recollidos por todo o país se transformaron nun espazo compartido de encontro, memoria e celebración, convertendo o inmaterial en material.
Neste serán dedicado ao patrimonio lírico e musical galego, ao baile e á colectividade, acompañaron a Unto Vello sobre o escenario as cantareiras Lina e Lola, Saínza Piñeiro e os Pandeireteiros O Fiadeiro, artistas colaboradoras no álbum Inmaterial, así como Xabier Díaz e mais Julia e Luz Divina, dúas mulleres que pertencen a esa tradición que o dúo Unto Vello celebra e homenaxea.
O público tamén participou do serán con palmas, aturuxos, puntos e bailes soltos e agarrados nunha Sala Capitol ateigada de persoas que, por un íntre, se converteu na cociña, «un lugar moi importante para nós», como sinalou Xabi Gómez, «porque nas cociñas é onde recollemos as melodías que mostramos neste traballo».
Inmaterial: música, tradición e colectividade
O álbum recompila cantares tradicionais recollidos por todo o país nun intenso labor de investigación e reinterpretación do patrimonio inmaterial galego. En palabras dos artistas, as auténticas protagonistas do disco son «aquelas persoas que nos abriron un día a porta das súas casas e das que aprendemos todo o que está representado neste noso primeiro disco». É a estrea discográfica do dúo formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez, que conta coa produción de Hevi (Laboratorio Soyuz).
O disco de Unto Vello, que terá formato físico amais de estar xa dispoñible en plataformas dixitais, está composto por 12 temas que o dúo levou xa por distintos escenarios de Galicia ao longo do último ano.
Unto Vello constrúe o repertorio do álbum a partir das recollidas realizadas polos seus integrantes, ás que aplican arranxos propios con voz e instrumentación tradicional. No seu primeiro ano de traxectoria, xa pasaron por escenarios como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, ademais de seren finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional.
O proxecto discográfico, así como a súa estrea ao vivo contan coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Escrito por Líder Redacción
galicia inmaterial musica tradicional sala capitol unto vello



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)