Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 septiembre, 2025
O comité de empresa de Urbaser Santiago de Compostela, compañía encargada da recollida do lixo e da limpeza viaria, saíu ao paso das informacións que apuntaban a unha suposta folga encuberta do persoal. “Trátase dun intento de criminalizar a defensa dos dereitos laborais”, afirman.
Desde o comité lembran que xa presentaron denuncias diante do Concello, da Inspección de Traballo e tamén a través dos medios de comunicación pola reiterada falta de cobertura das baixas médicas e permisos legais. Insisten en que debería existir sempre un cadro mínimo de traballadores para garantir “un servizo de calidade á veciñanza de Compostela”.
Os representantes sindicais engaden que a situación se agrava por “uns medios inadecuados e unha mala organización do traballo”. Aseguran que os camións dispoñibles non responden ás necesidades dunha cidade con máis de 100.000 habitantes, que ademais ve incrementada a súa poboación diaria por estudantes, turistas e persoas chegadas da comarca.
En canto á recollida, critican que a aposta pola carga lateral non se planificou axeitadamente: eliminouse a figura do peón en varias rutas, o que provoca acumulación de lixo nos exteriores dos colectores. Tamén apuntan a problemas específicos no Ensanche e no casco histórico, onde “as illas móbiles apenas son usadas pola veciñanza e os camións de carga traseira carecen de capacidade suficiente”.
Outros déficits que sinalan son a inexistencia do lavado efectivo de contedores —a pesar de contar con dous camións lava-contedores avariados—, a redución das brigadas de varrido, a ausencia de solucións para eliminar a maleza tras prohibirse os fitosanitarios, e o risco que supón a acumulación de follas caducas nas beirarrúas.
“O resultado é que Urbaser busca a máxima rendibilidade do contrato, o Goberno local tenta evitar conflitos e a oposición critica sen ter ofrecido solucións cando estivo no poder”, resume o comité. Nese contexto, advirten de que os grandes prexudicados son tanto o persoal, que sofre sobrecarga laboral e críticas inxustas, como a veciñanza, que “paga por un servizo que recibe con graves deficiencias”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)