AD

Actualidad

Veolia reafirma en Galicia o seu compromiso coa educación ambiental para construír un futuro máis sostible

today26 enero, 2026

Fondo
share close
AD

O Día Mundial da Educación Ambiental celébrase cada 26 de xaneiro co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia de protexer e conservar o medio ambiente. Veolia, referente mundial en transformación ecolóxica a través dos seus servizos de auga, residuos e enerxía, e responsable da xestión do ciclo integral da auga en 48 municipios de Galicia, reafirma o seu compromiso coa educación ambiental como piar fundamental para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible no territorio galego.

Conscientes de que a transformación ecolóxica só é posible cando a sociedade comprende e valora a necesidade de preservar os recursos naturais, Veolia desenvolve desde hai máis dunha década programas educativos en Galicia orientados á sensibilización ambiental, con especial foco na xestión sostible da auga.

Aqualoxía

Un dos principais exemplos deste compromiso é o programa Aqualoxía, que continúa a achegar ás aulas galegas contidos educativos sobre o ciclo urbano da auga e o uso responsable dos recursos naturais. A través de talleres participativos, dinámicos e adaptados ás distintas idades, milleiros de escolares teñen a oportunidade de comprender a importancia da auga como elemento esencial para a vida e o equilibrio dos ecosistemas.

Os talleres de Aqualoxía realízanse en Galicia da man de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e da súa equipa de educación ambiental, nunha alianza que cumpre xa un ano de traxectoria e que está a dar moi bos froitos, tanto polo alcance do programa como pola súa calidade pedagóxica e o seu impacto positivo no alumnado.

Mediante xogos, experimentos, retos e dinámicas participativas, o alumnado convértese en protagonista da aprendizaxe, tomando conciencia do valor da auga e da necesidade de adoptar hábitos sostibles no seu día a día.

Segundo explica Nicolás Esmorís, director executivo de Veolia Auga en Galicia, “Aqualoxía nace coa vocación de ser un programa vivo, próximo e útil, que axude a sensibilizar á infancia e á mocidade sobre retos tan relevantes como o cambio climático e o seu impacto na auga, implicándoos activamente como parte da solución”. Esmorís destaca tamén que “a colaboración con ADEGA permítenos sumar coñecemento, experiencia e unha forte conexión co territorio, facendo que a mensaxe chegue dunha forma máis clara e transformadora”.

O programa inclúe contidos adaptados ao currículo escolar, actividades prácticas e, sempre que é posible, visitas a instalacións relacionadas co ciclo da auga, reforzando así a aprendizaxe experiencial.

Desde ADEGA, destacan a importancia de establecer alianzas estables entre entidades sociais e empresas comprometidas coa sostibilidade. “A implicación das empresas reponsables da subministración de auga en Galiza é chave para poder levar a cabo este tipo de programas. A través deles temos a oportunidade de construír unha cidadanía comprometida e reponsable no coidado dos nosos ríos e mares. Estes talleres permiten amosar como os nosos actos do día a día poden afectar o medio ambiente e como mudando algún hábito podemos ter un impacto moi positivo sobre o medio”, asegura Itziar Díaz, educadora ambiental de ADEGA.

Aquae STEM

Xunto a Aqualoxía, Veolia tamén aposta en Galicia polo programa Aquae STEM, desenvolvido en colaboración coa Fundación Aquae, co obxectivo de fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas de Educación Primaria.

A iniciativa promove a incorporación das disciplinas STEM nas aulas a través da resolución de retos vinculados ao medio ambiente, a auga e o desenvolvemento sostible, así como mediante debates e actividades que estimulan o pensamento crítico, a creatividade e a innovación.

En palabras de Nicolás Esmorís, “Aquae STEM non só traballa co alumnado, senón que implica tamén ao profesorado e ás familias, creando unha contorna favorable para que as nenas se vexan como futuras profesionais da ciencia e da tecnoloxía, chamadas a liderar os grandes retos ambientais desde a sostibilidade e a innovación”. O programa inclúe, ademais, encontros virtuais con mulleres referentes no ámbito STEM, que serven de inspiración para as participantes.

Con todas estas iniciativas, Veolia reafirma en Galicia o seu compromiso de compartir coñecemento, fomentar hábitos responsables e inspirar ás novas xeracións a converterse en axentes activos da transformación ecolóxica, contribuíndo á protección do medio ambiente e ao benestar das comunidades locais.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *