Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 enero, 2026
O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, inaugurou o calendario de entrevistas políticas de 2026 en Radio Líder cunha análise moi crítica do estado da cidade e da acción do Goberno municipal. Segundo afirmou, o novo ano comeza “aínda peor do que rematou 2025”, tras coñecerse que a alcaldesa só atenderá aos veciños “dous días ao mes e mediante solicitude previa”. Para Verea, esta medida evidencia que “levan todo o mandato sen escoitar á xente e agora anuncian isto como se fose un gran logro”.
O líder popular cualificou de “carnavalada” o anuncio realizado polo executivo local e ironizou cun Goberno “bunkerizado nas moquetas de Raxoi”, afastado da realidade diaria dos composteláns. “Nun mandato de 1.460 días, a alcaldesa non vai dedicar nin o 1% do seu tempo a recibir veciños”, subliñou, cuestionando que esta sexa a “medida estrela” no último ano antes das eleccións municipais.
No ámbito das festas de Nadal, Verea recoñeceu que non lle gusta “poñer a diana política” nestas datas, pero advertiu dunha “irresponsabilidade política” ao non converter o Nadal de Santiago nun referente. “Antes viña xente da comarca, agora xa non, porque as súas cabalgatas están ao mesmo nivel ou mellor”, lamentou. Tamén reaccionou ás declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen situou o Nadal vigués por riba do Camiño de Santiago como reclamo turístico. Para Verea, “comparar mil anos de historia cunhas festas de Nadal é facer o ridículo”, aínda que admitiu que o éxito de Vigo debería facer reflexionar a Compostela.

Un dos bloques máis contundentes da entrevista centrouse na política turística. O presidente do PP advertiu dun “ataque diario á industria turística santiaguesa” por parte do Goberno local e alertou do perigo de que cale a mensaxe de que “o turismo é malo ou sobra”. “Isto é unha barbaridade desde o punto de vista económico, cultural e social”, afirmou, defendendo que o turismo é un patrimonio que “trae riqueza e abre Santiago ao mundo”. Segundo Verea, o executivo municipal “quere cargar con ese ADN que nos fai diferentes”.
En materia económica, Verea mostrouse moi crítico coa intención do Goberno de incrementar a recadación por multas mediante a instalación de máis radares. “Din que non hai afán recadatorio, pero propoñen tres millóns de euros máis en multas aos veciños”, denunciou. O PP, pola contra, propón “devolver eses tres millóns á cidadanía” se realmente o obxectivo fose a seguridade viaria. Para o líder popular, esta política responde á necesidade de “manter unha estrutura sobredimensionada de asesores e altos cargos”.
Tamén se referiu ao bloqueo no pago de facturas a provedores, en especial no caso de Viaqua. Verea explicou que o PP non cuestiona o traballo realizado, senón “a contía que se pretende cobrar sen contrato en vigor”. “Se o meu voto é decisivo, teño que actuar como actuaría un alcalde responsable”, asegurou, abrindo a porta a unha solución se se aclara a cantidade correcta a aboar.
Outro dos episodios que motivaron a petición de dimisións por parte do PP foi o peche dunha instalación deportiva no Monte dos Postes, que deixou a equipos de fútbol sala feminino agardando durante horas. Para Verea, non se trata dun feito puntual, senón dun síntoma dun Goberno “sen ninguén ao mando, no que nunca é responsable ningún concelleiro”. “Sempre a culpa é dun funcionario ou doutra administración”, criticou.
De cara a 2027, Borja Verea foi contundente: “As eleccións van ser as máis sinxelas da historia de Santiago”. Segundo expuxo, só haberá dúas opcións: “os tripartitos e cuatripartitos de sempre” ou “o cambio real que representa o Partido Popular”. O seu obxectivo, recoñeceu, é lograr unha maioría absoluta “moi difícil, pero máis preto que nunca”, traballando para convencer a votantes que nunca apoiaron ao PP.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)