Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 marzo, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, quixo comezar salientando o “máximo respecto” pola decisión da ANPA de promover unha iniciativa para cambiar o nome do colexio Apóstolo Santiago, así como a súa “total lexitimidade” para formular esta proposta.
“Calquera colectivo da cidade está no seu dereito de facer propostas e defendelas publicamente, e iso forma parte da normalidade democrática”, sinalou Verea, que recoñeceu o papel das AMPA como parte activa da comunidade educativa.
Porén, o dirixente popular lembrou que o colexio é de todos e que, por tanto, as decisións sobre cuestións estruturais como o seu nome non poden depender exclusivamente dun colectivo concreto. “Un colexio municipal pertence a toda a cidade de Santiago, non a unha asociación nun momento determinado”, explicou.
Neste sentido, Verea subliñou que o sucedido no último Pleno municipal foi precisamente “un exercicio de democracia”. A proposta de cambio de nome foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e a abstención das concelleiras non adscritas.
“O lóxico nun asunto con tanta carga simbólica e histórica é que a decisión a adopte o órgano que representa ao conxunto da cidadanía. Iso é exactamente o que ocorreu”, indicou.
O líder popular advertiu ademais de que poñer en dúbida esta decisión institucional suporía abrir un precedente preocupante. “Se empezamos a dicir que os acordos adoptados polo Pleno non valen cando non nos gustan, estamos cuestionando o funcionamento básico das institucións democráticas e sentando un precedente perigosísimo para calquera decisión que se adopte no futuro”, afirmou.
Finalmente, Verea lamentou que no comunicado difundido pola AMPA non se fixese ningunha referencia ao sucedido durante a sesión plenaria. “Tampouco escoitamos aínda ningunha desculpa por chamar ‘puto sinvergüenza’ a un concelleiro durante o Pleno. Quizais sería unha boa ocasión para pronunciarse tamén sobre ese asunto”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)