AD

Destacado

Verea critica as consecuencias do ‘tripartito’: «Inseguridade, parálise política e declive do turismo»

today18 febrero, 2025

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela | 18 de febreiro de 2025.- O presidente do Partido Popular en Santiago e deputado no Parlamento Galego, Borja Verea, advertiu este martes dunha crise de seguridade sen precedentes na capital galega, agravada pola inacción do goberno local. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o popular denunciou ademais a deterioración dos servizos públicos, a parálise en proxectos estratéxicos e a perda de atractivo turístico da cidade, o que segundo el está provocando unha situación de «decadencia e abandono».

Santiago, a cidade máis insegura de Galicia

Segundo Verea, Santiago lidera o ranking galego de delitos por habitante debido a varios factores, entre eles o incremento do tráfico de drogas en zonas como Santa Marta e Galeras, a redución de efectivos policiais e un aumento do vandalismo e os roubos en áreas turísticas e comerciais.

«Santa Marta converteuse no gran supermercado da droga en Santiago. Se eu fose alcalde, desmantelaria de inmediato o Banco do Pobre. Pero o goberno minimiza o problema e acúsanos de alarmistas», afirmou Verea.

Como solución, o PP propón un plan de choque que inclúe a ampliación do corpo de Policía Local ata os 200 axentes, a instalación de máis cámaras de vixilancia en puntos conflitivos, a mellora da iluminación pública e o reforzo da comisaría de Santiago.

Un goberno dividido e unha cidade paralizada

Verea criticou a situación de parálise no Concello, asegurando que o ‘tripartito’ formado por BNG e Compostela Aberta, co apoio do PSdeG está roto e sen capacidade de xestión. Segundo el, a ruptura interna no grupo municipal socialista impide tomar decisións clave para Santiago.

«O PSOE entregoulle as chaves da cidade ao BNG a cambio de nada. Agora non son goberno nin alternativa de goberno. É unha crise que impide tomar decisións clave para Santiago», afirmou.

A pesar desta situación, descartou por agora unha moción de censura, pero reafirmou o seu obxectivo de gobernar a cidade en 2027: «Xa gañamos as eleccións por goleada en 2023 e queremos volver facelo en 2027 cunha maioría suficiente para transformar Santiago».

Turismo en caída libre

Outro dos aspectos abordados na entrevista foi a crise do turismo en Santiago. Verea destacou a perda de conexións internacionais no aeroporto Rosalía de Castro, a caída da ocupación hoteleira ata o 38% e a desaparición de rutas clave como a de primeira hora con Madrid.

«O goberno local leva anos demonizando o turismo, vendo os visitantes como unha ameaza en lugar de como unha oportunidade. O resultado? Peches de negocios, caída de visitantes e un aeroporto en retroceso», asegurou.

Ademais, criticou a campaña de promoción turística presentada en FITUR, cualificándoa de insuficiente: «Mentres outras cidades presentan proxectos ambiciosos, aquí a gran idea foi dicirlle aos turistas que en vez de dous días, queden catro. É ridículo».

O líder do PP en Santiago denunciou ademais a falta de xestión en outras áreas clave, como a vivenda, o deterioro dos servizos públicos e a ausencia dun proxecto para o edificio Peleteiro.

«Con este nivel de orzamento, Santiago debería estar mellorando. Pero non. A realidade é que está máis sucia, máis insegura e máis descoidada», lamentou.

«Santiago merece moito máis»

Verea pechou a entrevista cunha mensaxe clara: «Os que gobernan non teñen un proxecto real para Santiago. Nós temos propostas serias, pero non as queren aceptar porque levan a nosa firma. A cidade merece moito máis, e en 2027 loitarei para devolverlle o seu esplendor».

A entrevista completa no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *