Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 marzo, 2024
Nunha entrevista este xoves en Radio Líder Santiago con Álvaro Veiga, o concelleiro en Raxoi e presidente do PP de Santiago, Borja Verea abordou diversos temas candentes que afectan a Compostela. Entre os asuntos destacados atópase a recente solicitude do Partido Popular dunha auditoría tras a publicación do informe por parte do Consello de Contas.
O informe en cuestión xerou inquedanza entre os populares, xa que sinala «posibles irregularidades» nos contratos realizados polo Concello durante a pandemia, baixo a alcaldía do socialista Xosé Sánchez Bugallo. O PP tomaba a iniciativa de instar á actual alcaldesa Goretti Sanmartín a unha auditoría completa para esclarecer calquera dúbida e garantir a transparencia na administración pública. Petición que, en resposta da propia rexidora, queda rexeitada.
Neste tema, Verea critica o elevado número de contratos realizados por Raxoi durante a pandemia, 85 dos 165 que presentaron distintas administracións galegas. Ademais, «a metade deles non están publicados no portal de transparencia, nin cantidade, nin empresa, nin que se contratou». E engade, «algunha destas empresas non están vinculadas ao sector sanitario». Para o edil, estas evidencias xustifican o pedir unha auditoría ou que, como mínimo, o actual goberno remita toda a información necesaria para resolver este problema, «o que non se pode é darlle carpetazo, porque no século XXI pídese un pouco máis de transparencia», explica.
Durante a entrevista, Borja Verea tamén abordou preocupacións urxentes relacionadas coa vivenda e a falta de solo industrial en Santiago. «Nunca foi tan complicado atopar vivenda en Santiago», critica. O mesmo ocurre ante a falta de solo industrial co que atraer as empresas e xerar economía e emprego.
En canto á efectividade da declaración das zonas de aluguer tensionadas que, en principio, limitaría o prezo do aluguer asegura que «está testado que non vai funcionar», xa que considera que a súa aplicación en Santiago derivaría en ir trasladando as zonas tensionadas polos distintos barrios. «Haberá que buscar outras solucións, como a construción de vivenda», xa que «temos a sorte de vivir nunha cidade con solo suficiente para construir, mobilizando tamén a vivenda baleira no Ensanche e no Casco Histórico. A pregunta que hai que facerse é por que non está esa vivenda no mercado. Debemos protexer aos propietarios e así teremos moitos máis pisos en aluguer na cidade».
Outro tema que surxiu durante a entrevista foi a ausencia da alcaldesa Goretti Sanmartín no tradicional pregón de Semana Santa realizado hai poucos días na igrexa de Santo Domingo de Bonaval. Nese punto, recorda que «partimos de que o grupo de goberno non entra na catedral», un feito que xerou as críticas do PP expresando o seu malestar e «falta de educación» da alcaldesa pola súa ausencia nun evento cultural significativo e arraigado á cidade.
Verea asegura que esta celebración é a festividade que ten máis proxección no ámbito turístico, cultural e relixioso nesta cidade. «Temos un escenario único e poderíamos ter a mellor Semana Santa de España», afirma. «Xente que visita a cidade dínos que é unha pena que non se explote máis porque ten unha capacidade de percorrido tremenda». Ademais, arroxou a cifra económica coa que o Concello apoia esta festividade a que destina unha partida de 3000 euros, mesma cantidade que xa destinaban os gobernos socialistas, «unha cifra que xa reflicte o compromiso que teñen coa Semana Santa», clonclúe.
A entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
borja verea compostela Entrevista politica pp radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)