Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 octubre, 2025
· Verea pídelle ao goberno local que “ceda con carácter inmediato as dúas parcelas resultantes co fin de que se poidan construír vivendas 100% públicas e que non inclúan o beneficio industrial das construtoras privadas”
· Lembrou tamén as bonificacións do IBI a aqueles propietarios que poñan os seus pisos en alugueiro e dirixir as políticas á protección do propietario, creando un auténtico Estatuto do Propietario en Aluguer para mobilizar as vivendas baleiras
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, vén de propoñer “a paralización da venda do solo público a empresas privadas e destinalo á construción directa de vivenda 100% pública”. Verea fixo estas declaracións tras coñecer o evidente fracaso do “negocio obsceno” que intenta facer o goberno de BNG e CA “desfacéndose do solo público de todos os santiagueses”.
O popular subliñou que “a falta de iniciativa e de xestión dos nacionalistas quedou evidenciada tras os datos que se fixeron públicos esta semana, xa que afortunadamente coñecemos que non foron quen de vender máis que dúas parcelas”.
Para o popular, “é imprescindible que o goberno de BNG e CA deixe de mercantilizar con construtoras privadas, porque é unha mágoa que se venda solo público, cando se pode construír directamente vivenda 100% pública”. Así mesmo, remarcou que “os pisos privatizados polo BNG terán, como mínimo, un prezo de 180.000 euros para 80 m2 e os que propoñemos nós serán máis accesibles,100% públicos e terán un prezo bonificado de 100.000 €, por 80 metros cadrados, xa que se trata de prezos subvencionados que ademais non inclúen nin o beneficio industrial nin o prezo do solo”.
Verea engadiu que “descoñecemos se esta forma de facer as cousas é apatía ou incapacidade, pero este proceso de venda é un ataque ao interese público e unha obscena despatrimonialización da riqueza de todos os santiagueses, para entregarlla ás construtoras privadas”, e engadiu “que todas as cidades están cedendo solo público para construír vivendas 100% públicas, menos o BNG e CA que sancionan aos santiagueses para beneficiar a empresas privadas, por que?”
O popular quixo recordar que os últimos dez anos de políticas de vivenda en Santiago por parte do tripartito de BNG, CA e PSOE, presentan datos “demoledores”, posto que ”o alugueiro medio pasou de 390 euros en 2014 a 623 euros en 2024, o que supón un incremento do 60%. Ademais, o 2024 supuxo o maior aumento interanual da historia nos prezos de alugueiro”.
O tamén deputado autonómico subliñou que “as promesas feitas polos gobernos de CA, PSOE e BNG quedaron en nada, xa que da empresa pública de vivenda nada se sabe; o rexistro de soares, paralizado xudicialmente; a declaración de zona tensionada presentárona con cortas e pega de páxinas webs; e, a maiores, non se construíu nin unha soa vivenda pública e non hai dispoñible nin un só alugueiro público municipal”.
Estatuto do Propietario en Aluguer
Verea reiterou tamén as medidas da Estratexia de Vivenda que porá en marcha o PP de Santiago cando goberne, destacando a creación dunha Empresa Pública de Vivenda, tamén a posta en marcha dun Banco Público de Vivendas en alugueiro, centrado en recuperar vivendas baleiras que os propietarios hoxe non se atreven a poñer no mercado por falta de seguridade. Lembrou tamén as bonificacións do IBI a aqueles propietarios que poñan os seus pisos en alugueiro e dirixir as políticas á protección do propietario, creando un auténtico Estatuto do Propietario en Aluguer para mobilizar as vivendas baleiras.
Remarcou tamén a actualización das normas do casco histórico, sobre todo, en accesibilidade e flexibilizando as limitacións que dificultan a rehabilitación; a necesidade de modificación do Plan Xeral para facilitar nova construción, xa que Santiago ten solo dispoñible de sobra; e insistiu na construción directa de vivenda pública a través do Concello ou doutras administracións, sen recorrer á venda a promotoras.
Finalmente, incidiu na necesidade de máis recursos para as Áreas de Rehabilitación Integral; e lembrou unha das súas principais medidas na última campaña electoral, a conversión de baixos en vivendas en barrios como Conxo e Santa Marta. Ademais fixo alusión a un conxunto de medidas fiscais, administrativas e normativas para protexer os propietarios que queiran alugar as súas vivendas e así aumentar o parque dispoñible.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)