Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 julio, 2025
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar o que cualificou como “unha mercantilización obscena do solo público” por parte do goberno municipal do BNG e Compostela Aberta, e presentar unha alternativa sólida e inmediata para afrontar a crise de acceso á vivenda.
“Non sabemos se é descoñecemento, apatía ou incapacidade pero este proceso de venda é un ataque ao interese público e unha obscena despatrimonialización da riqueza de todos os santiagueses para entregarlla as construtoras privadas”, denunciou Verea.
“Todos coincidimos en que o principal problema da cidade é a vivenda. A diferenza está en como se aborda. Mentres o BNG e CA optan por vender solo público ás promotoras privadas, desde o Partido Popular defendemos que ese solo debe empregarse para construír vivenda 100% pública, de calidade, máis barata e dispoñible antes”, afirmou Verea.
O líder popular denunciou a venda de 8.000 metros cadrados de solo municipal, valorados en 6 millóns de euros, a grandes promotoras privadas. Segundo explicou, esta decisión do goberno local levará á construción de 150 vivendas máis caras, de peor calidade e cun importante retraso na súa execución. En contraposición, defendeu que o modelo do PP permitiría construír vivendas públicas máis accesibles, cun prezo moito menor e mellores condicións. Como exemplo, apuntou que unha vivenda media de 80 metros cadrados custará, co modelo de BNG e CA, arredor de 180.000 euros, mentres que con vivendas 100% públicas, o modelo do PP de Santiago, ese prezo podería reducirse ata os 100.000 euros mantendo mellores calidades e entregándose en menos tempo.
Ademais de criticar o fondo da operación, Verea detallou varios aspectos que considera especialmente graves. Denunciou que o prezo do solo se multiplica ata por cinco en comparación con actuacións semellantes noutras cidades como Vigo ou Ferrol. Lamentou que non se estea a utilizar o dereito de superficie, polo que o solo non volverá a mans públicas. Advertiu que non se esixe ningún prazo para comezar as obras, o que permite que quen compre poida “especular con total impunidade”. E tamén que, tras un tempo, as vivendas deixarán de ser protexidas, cando esa cualificación debería ser permanente. Ademais, indicou que o principal criterio de adxudicación é o económico: 85 dos 100 puntos posibles concédeselle a quen máis pague, o que evidencia que o único obxectivo é recadar cartos, sen importar o interese xeral.
Verea tamén fixo balance dos últimos dez anos de políticas de vivenda en Santiago por parte do tripartito de BNG, CA e PSOE. Os datos, segundo el, son demoledores: o alugueiro medio pasou de 390 euros en 2014 a 623 euros en 2024, o que supón un incremento do 60%. Ademais, 2024 rexistrou o maior aumento interanual da historia nos prezos de alugueiro. “Están facendo ben o seu traballo? Mellorou o acceso á vivenda despois destes 10 anos de tripartito? Gustariame que respondesen os composteláns; pero os datos demostran que non”, sentenciou.
Lembrou tamén que as promesas feitas polos gobernos progresistas quedaron en nada. A empresa pública de vivenda segue sen crearse. O rexistro de soares está paralizado xudicialmente. A declaración de zona tensionada presentouse con datos sen base oficial, sacados de páxinas web. Non se construíu nin unha soa vivenda pública. E non hai dispoñible nin un só alugueiro público municipal. Así cualificou de “suspenso” todas estas medidas e promesas incumpridas. “Anuncian prohibicións cada trimestre: hoteis, alugueiros temporais, restaurantes, comercio… pero despois de dez anos non cumpren nada. E mentres tanto, o acceso á vivenda segue a empeorar”, engadiu.
MEDIDAS REAIS PARA GARANTIR O ACCESO Á VIVENDA
Como alternativa, Borja Verea propuxo paralizar de inmediato a venda do solo público a empresas privadas e destinalo á construción directa de vivenda 100% pública por parte do Concello. E, ”se non saben ou non poden, que o cedan á administración autonómica para que execute esas vivendas de mellor calidade, á metade de prezo e máis rápido”.
O líder popular enumerou as medidas do Plan de Vivenda que levaría a cabo o Partido Popular de Santiago se gobernasen, destacando a creación dun banco público de vivendas en alugueiro, centrado especialmente en recuperar vivendas baleiras que os propietarios hoxe non se atreven a poñer no mercado por falta de protección. Salientou ademais a actualización das normas do casco histórico, especialmente en accesibilidade e flexibilizando as limitacións que dificultan a rehabilitación; falou tamén na necesidade de modificación do Plan Xeral para facilitar nova construción, xa que Santiago ten solo dispoñible de sobra; insistou na construción directa de vivenda pública a través do Concello ou doutras administracións, sen recorrer á venda a promotoras; e lembrou a súa postura en relación ás vivendas de uso turístico, baseada na regulación por zonas saturadas e non en prohibicións absolutas. Verea fixo fincapé tamén na necesidade de máis recursos para as Áreas de Rehabilitación Integral; e lembrou unha das súas principais medidas na última campaña electoral, a conversación de baixos en vivendas en barrios como Conxo e Santa Marta como experiencia piloto. Ademais fixo alusión a un conxunto de medidas fiscais, administrativas e normativas para protexer os propietarios que queiran alugar as súas vivendas e así aumentar o parque dispoñible.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)